Mazaricos e Santa Comba apostan polos Pasos de Vacas

Paso de vaca xa fixo ás portas do Concello de Santa Comba

Despois da proba de hai un par de anos, esta vez van en serio. Mazaricos e Santa Comba, ademais do Concello de A Baña, van instalar “pasos de vacas” fixos nas súas rúas. O Concello xalleiro xa cambiou as cebras polas vacas na mesma porta do Concello, no marco dunha iniciativa de Casa Grande de Xanceda.

Un xeito de visibilizar a posta en valor da vida no rural, de defender o sector da Gandeiría en xeral e do sector lácteo en particular; de deixar claro que as vacas forman parte da nosa cultura, da nosa vida.

Xa contamos no seu día que Mazaricos, Santa Comba e Dumbría contan máis vacas que persoas, e se en toda Galicia non chegamos aos 3 millóns de persoas, si que superamos o millón de vacas.

Con esta iniciativa, os concellos queren recordalle á cidadanía que “Galicia é o territorio que máis leite produce de toda España”, dando sustento a máis de 8400 familias.

Ademais intentan potenciar a vaca, “o símbolo da Paz”, segundo Castelao, como a imaxe do país, esa imaxe que tanto nos representa.

Novas relacionadas