A veciñanza de Grixoa de Esternande converte un espazo da mina de Varilongo na Carballeira das Casas Vellas

A Comunidade de Montes de Grixoa-Esternande prantando a Carballeira na Mina de Varilongo

Esta mañá de sábado, viviuse unha xornada moi especial no corazón da mina de Varilongo. A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Grixoa de Esternande, coa colaboración da Asociación Ecoloxista Verdegaia e da Plataforma BerXallas, coa afán de recuperar terreo para o uso social, organizaba unha plantación de máis de 350 carballos e 7 castiñeiros nunha zona da mina. Unha plantación case en termos de ocupación que demostra, no marco das Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia, que demostra o poder infinito da sociedade unidade.

A veciñanza lembra que se trata dun espazo que a mina lle roubou hai máis de 20 anos, pero que a verdadeira propiedade é da Comunidade.

Así, a Carballeira das Casas Vellas xa está en marcha gracias aos máis de 30 veciñ@s e outra vintena de voluntari@s chegad@s de lugares tan diversos como Teo, A Coruña, Chantada, Boiro.. Algún viu a propósito dende Suiza, como o propio voceiro da Comunidade de Montes, Xosé Abelenda, tremendamente orgulloso duns veciños comprometidos coa súa terra, que non van deixar de loitar por acabar coa minaría irresponsable co medio ambiente.

A xornada completouse cunha máis que agradable comida campestre, e un recital poético por parte de Manuel Durán (do Cubelo). O “bardo de Santa Comba” leu un manifesto feito en verso, lembrando ao regueifeiro “O Atrevido de Grixoa”, e non se esqueceu tampouco de lembrar a loita da veciñanza contra os eólicos, ou loita pola súa esquecida estrada.

Este San Xosé quedará para a tradición, facendo cada ano unha festa campestre na Carballeira das Casas Vellas.

A loita veciñal na mina de Varilongo repítese 20 anos despois

Máis novas sobre montes comunais