#25N en Vimianzo: Compendio de actos e actividades

O Concello de Vimianzo presentou esta a programación que conmemorará o Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, marcado anualmente cada 25 de novembro.

Dará comezo o día 20 de novembro coa representación teatral de “Costureiras”, por parte de Tarabela Creativa ás 20:30 horas na Casa da Cultura. As entradas poderanse adquirir a través do enderezo web www.woutick.es.

O día 24 de novembro, quenda para a actividade ‘Vinilos 25N’, un acto de sensibilización e prevención da violencia de xénero dirixida ao alumnado do IES Terra de Soneira.

Propiamente o día 25, o compendio de actos comezará ás 11:00 horas co espectáculo dirixido aos centros de primaria vimianceses, “A Cabaleira de Medievándalos”.
Pola tarde, ás 17:30 horas, “Dando a chapa contra a violencia de xénero”, un obradoiro e concurso de elaboración de chapas para a sensibilización contra a violencia de xénero. Entregaranse os premios ás 20:00 horas, cando tamén se presentará o logo pola igualdade gañador do concurso Imaxe gráfica para a igualdade, obra de Mateo Calzas Moreira.
Quince minutos máis tarde, ás 20:15 horas, terá lugar a performance “Un xardín por (re)construír” a cargo de Diana Mera.

Ás 20:45 horas, lerase o manifesto contra a violencia na praza do Concello. Porá fin ao acto de concentración e conmemoración desta data o minuto de silencio e un xogo de luces que comezarán alumeando na memoria de todas as vítimas e rematarán queimando, e mesmo convertendo en fume, os asasinatos machistas.

Pechará a programación Pedro Brandariz, con “Contos pola igualdade” o 28 de novembro ás 18:30 horas, comprendida dentro da programación de Outono Rebuldeiro. Para adquirir entradas, na mesma semana na Casa da Cultura ou o día do espectáculo ata unha hora antes do seu comezo.

Novas do 25N