“A Costa das Mulleres”, o proxecto que reabre as accións arredor do #25N
Xa son moitos os concellos que teñen formulado o seu programa co gallo do “Día Mundial da Eliminación da Violencia de Xénero contra a Muller” (25 de novembro). Pero seguramente o máis integral e integrador sexa o proxecto “A Costa das Mulleres: experiencias de Mulleres da Costa da Morte e Vídeos Contra a Violencia de Xénero”. Un proxecto que xa vén de 2019 e que continúa na mesma senda de contar a vida en clave de muller.
A presentación oficial desta edición de 2021 será este sábado 20 de novembro ás 11:00h na Casa da Cultura de Vimianzo. Ademais da proxección de varios microvídeos con protagonistas e do documental enteiro, escoitarase a intervención de Lucía Calvo Marozos (La Despensa D´Lujo), coa que xa temos falado en QPC.
O proxecto conta coa axuda de AGADER, axencia dependente da Consellería de Medio Rural, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade e a Axencia de Turismo de Galicia, entidades dependentes da Vicepresidencia Primeira do Goberno da Xunta de Galicia, e dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Prégase confirmación de asistencia en [email protected] ou en 981717358 – 678 648 065.
A Costa das Mulleres 2019
- Josefa Carrera, ex percebeira: “Toda a miña vida foi traballar coma unha negra”.
- Mª Teresa Ferreira, sobre a asociación Neira Marcos: "Marcoume moitísimo”.
- Dorinda Moledo, gandeira: “Ás empresas pequenas esíxennos moito”.
- Isabel Tomé, docente: “A xulgar por ex alumnos, creo que non o fixen mal”.
- Lucía e Liana Quintela, futbolistas carnotás: "Deberíamos xogar todos e todas”.
- Florentina Atán, ex taxista: "Non me aceptaban os compañeiros”.
- Carmen Riveiro, artesá zaense: "Eu son muller e se non gano, empato”.
- A Costa das Mulleres: A historia de Dolores Fernández.
- "A Costa das Mulleres" preséntase polo Día Internacional das Mulleres Rurais.