Aberto o prazo para a Cea Medieval e a Feira Artesanal do Asalto
Corran que voan. As venda de entradas para a XIV Cea Medieval saen a venda hoxe martes, 20 de maio, a partir das 12:00 horas. Esta tradicional cea, que se celebrará o venres 4 de xullo de 2025, é unha das actividades máis emblemáticas e con maior demanda dentro da programación do Asalto, e as súas entradas desaparecerán en horas.
As entradas para a Cea Medieval, cun prezo de 35 euros, poderanse adquirir exclusivamente a través do asaltoaocastelo.gal ou directamente no portal de venda en liña woutick.es. Permitirase un máximo de 4 entradas por operación de compra, e
estas serán nominativas.
O evento terá lugar no incomparable marco do foso do castelo, cun aforo limitado a 500 persoas. A noite tamén haberá concertos abertos e de balde a partir da medianoite, con Monoulious DOP, Che Sudaka e LaYaya DJ.
Aberta a inscrición para a Feira Artesanal
Paralelamente, a A.C. Cherinkas lembra que continúa aberto o prazo para que os artesáns interesados poidan inscribirse na XIII Feira Artesanal do Asalto ao Castelo.
Esta feira celebrarase o sábado 5 de xullo de 2025 durante todo o día na praza do Concello.
Os interesados en participar como feirantes teñen ata o venres 6 de xuño para formalizar a súa solicitude de praza de forma telemática, a través do formulario dispoñible na web oficial do Asalto ao Castelo. A organización seleccionará un máximo de 15 postos, valorando criterios como a participación en edicións anteriores, a orixinalidade, a calidade artesanal e a variedade dos produtos.