Manu Chao fixo o Asalto ao Castelo máis internacional

Especial foi esta 27 edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo. A organización,, superou o desafío de traer unha figura como Manu Chao, e fíxoo con boa nota.

Máis de 3.000 persoas (tivo que pecharse a venda de entradas) ateigaron a zona de concertos para a tan esperada cita. E moitas delas eran persoas que descubriron esta Festa de Interese Turístico de Galicia. por primeira vez. Xentes de Portugal, Francia, Italia ou de moitas partes da xeografía española, convertíronse en irmandiños por primeira vez para aproveitar a oportunidade de ver a Manu Chao en concerto.
Está claro que si que funcionou o esforzo na gran campaña de difusión que fixo este ano o Asalto e o Concello de Vimianzo, levando a promoción ao Camiño de Santiago, ás oficinas de Correos, e apostando moito polas redes sociais.
E o francés de Vilalba ofreceu un concertazo de 2 horas chea de enerxía, facendo gozar a todo o mundo co seu bailongo acústico, e facendo cantar míticos temas e lemas á entregada asistencia.

Unha festa de longo percorrido

Se ben a festa xa arrincara hai un par de semanas, e ao longo desta semana funcionou de marabilla a nova edición dos pinchos Irmandiños, que desta volta implicou a 13 establecimentos, as xornadas do venres e do sábado foron o epicentro. O venres, a Cea Medieval no foxo do castelo é algo xa que se está convertindo nalgo mítico. Mágoa que o orballo impediu que se celebrasen os divertidos concertos de Monolious Dop e Mondra.

O sábado fixo un tempo ideal para o Asaltiño, con aínda máis que o ano pasado, xa enchendo a praza do Concello. Ademais nótase que cada ano a industria armamentística vai medrando, e este ano no foxo do castelo, na gran batalla de auga, xa se viron máquinas de sulfatar ou bidóns de 5 litros de fontecelta pegados ás costas para ir cargando as pistolas. Quedaron coma pitos os pequenos combatentes irmandiños nunha das citas máis esperadas pola rapazada da comarca.
Un sábado de Manu Chao e moito máis
Tralo concertazo de Manu Chao, confluíron as 3.000 persoas que pagaran a súa entrada con outra marea de xente que quería gozar do evento que fai tan singular esta festa: A representación da revolta irmandiña do século XV. Dirixida por Ghillermo Méndez e protagonizada por ducias de vimianceses e vimiancesas, a obra de teatro comezaba na zona dos concertos, co heroe, que esta vez era un rapaz cego, que entrou sorprendendo polo medio do público, e que acabou liberando aos irmandiños do xugo da vizcondesa.

Espectacular coma sempreo o traballo de vestiario, e nin unha pega co sistema de son para seguir o fío das sempre enrevesadas historias intrínsecas, para convecer ao pobo de coller os fachos e o ariete, e ir asaltar o Castelo. Precisamente, ese momento, a procesión entre a zona dos concertos e o Castelo cos fachos e o ariete é un dos máis especiais.
Xa estaba o foxo cheo, esperando esa batalla ante a vizcondesa e o cura, e desta volta, os irmandiñ@s conseguiron de novo liberar ao seu pobo e botar fóra á escoria noble. Lumeeeee!!

Ao remate da liberación, volta ao campo da festa, onde Boikot, Süne e os Festicultores mantiveron a festa ben arriba ata case a mañá!
Só cómpre darlle os parabéns a toda organización, formada por mais dun cento de voluntari@s, ademais das xentes de Proteción Civil e do Concello, ou os hostaleiros que se implican cos Pinchos Irmandiños, as xentes que engalan as súas casas… Este Asalto “senporsen “feito na casa vale moito”
Máis crónicas do Asalto
- Asalto 2023:O Asalto toca Terra
- Asalto 2022: O Asalto ao Castelo 2022 en vídeo.
- Asalto 2022: Vimianzo viviu o seu Asalto máis multitudinario.
- Asalto 2021: O lume tomou as terras irmandiñas.
- Decembro 2019: O Asalto tamén vai polo bo camiño para ser declarada Festa de Interese Turístico.
- Asalto 2019: A calor irmandiña invadiu Vimianzo nun exitoso Asalto ao Castelo.
- Asalto 2017: O Asalto rexistrou o maior éxito de público da súa historia.
- Asalto 2016: Os irmandiños volven a Vimianzo.
- Asalto 2015: O XX Asalto ao Castelo 2015, xa no youtube.
- Asalto 2015: A representación teatral reivindica a singularidade dos 20 anos do Asalto ao Castelo.
- Asalto 2013: Asalto ao Castelo, a traca final (en vídeo).
- Asalto 2012: O Asalto definitivo (en vídeo).
- Asalto 2012: A Revolta Irmandiña máis numerosa tomou Vimianzo.
- Asalto 2011: O Asalto 2011 en vídeo.
- Asalto 2011: Os irmandiños volveron recuperar o poder do Castelo de Vimianzo