O Castelo de Vimianzo acolleu a presentación da guía de viaxe do ‘Patrimonio arquitectónico" da Deputación da Coruña
O Castelo de Vimianzo acolleu esta mañá de martes 22 de outubro, a presentación da guía de viaxe ‘Patrimonio arquitectónico da provincia da Coruña’, editada pola Deputación da Coruña.
A obra fai un percorrido histórico por “trece marabillas” da provincia, dando a coñecer, polo miúdo, o patrimonio arquitectónico e cultural da mesma. Entre elas, vairas da comarca como son o propio Castelo de Vimianzo, as Torres do Allo, os Batáns de Mosquetín, o Dolmen de Dombate e Ecomuseo Forno do Forte, ademais do Pazo do Mariñán, o Teatro Colón, as Torres de Altamira, o mosteiro de San Xoan de Caaveiro, o Centro de interpretación da natureza, o Centro etnográfico de Teixeiro e os dolmens de Axeitos e Cabaleiros.
Durante a súa intervención, a rexedora Mónica Rodríguez quixo agradecer que a Deputación “escollera este marabilloso espazo para facer a presentación dun acto tan relevante. O noso Castelo é o faro que nos ilumina, testemuña da nosa historia e símbolo da nosa identidade”, así como unha parte “fundamental do patrimonio da nosa provincia”.
Pola súa parte, Penas fixo referencia a que “non falamos dunha guía de viaxe ao uso, pois esta publicación fala de tradicións, de historia, de lendas, de formas de vivir e relacionarse co territorio, de cultura, de maneiras de viaxar, de rutas, de accesibilidade e de coordenadas, sen perder de vista a importancia que o patrimonio ten para o turismo”