A eclipse solar total converterase no gran fío conductor do Vimiverán 2026

O Concello de Vimianzo abre unha nova edición de Vimiverán 2026, o programa municipal de conciliación destinado a facilitar a compatibilidade da vida laboral, familiar e persoal durante os meses de verán, cunha ampla oferta de actividades educativas, deportivas, culturais e de lecer dirixidas á infancia do municipio.

O prazo de preinscrición para participar en Vimiverán 2026 permanecerá aberto do 8 ao 12 de xuño. As solicitudes poderán presentarse de forma telemática a través da sede electrónica municipal ou presencialmente na Casa da Cultura. O sorteo público para a adxudicación das prazas celebrarase o 15 de xuño ás 12.00 horas, mentres que a formalización das matrículas e o pagamento das taxas realizaranse entre os días 15 e 17 de xuño para a primeira quenda e do 15 ao 22 de xuño para o resto das actividades.

Nesta edición, a principal novidade será a incorporación da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026 como eixo pedagóxico transversal de toda a programación. As crianzas participantes, independentemente da quenda ou actividade escollida, achegaranse a este acontecemento astronómico excepcional a través de experiencias adaptadas ás súas idades.

A oferta inclúe propostas xa consolidadas como VimiAstronomía, VimiDeporte, VimiCheff e VimiInformática, ás que se suma VimiAsalto, unha quenda temática inspirada no Asalto ao Castelo, festa de interese turístico de referencia do municipio.