Históricos irmandiños repasarán a historia dos 20 anos de Asalto ao Castelo

Xa vimos contando que este 20 aniversario do Asalto ao Castelo será moi máis que unha festa. Será un mes de actividades que arrincan xa, e entre as que teremos un CD e un cómic, a Legua Irmandiña, a Cea Medieval, a feira de artesanía… E moito máis.

Hoxe damos conta das vindeiras citas que van ter lugar, cunha charla-coloquio e unha exposición.

O vindeiro sábado 20 de xuño ás 20h celebrarase no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo a charla coloquio “O Asalto na memoria” na que se exporán o contido, o significado e a evolución desta festa histórica. Constará de dúas partes: a primeira será a exposición do contido e da importancia do Asalto e na segunda abrirase a valoracións, debate e preguntas do público asistente.

Moncho Gándara introducirá a charla e presentará aos participantes. Benxamín Queiro será o encargado de expor os aspectos musicais, mentres que Vicente Mohedano, Minke Lap e Guillermo Méndez tratarán os diferentes aspectos teatrais nas etapas correspondentes.

Carlos Gómez e Diego Hermida falarán da gastronomía que envolve á festa, centrándose o primeiro nos Pinchos Irmandiños e o segundo na celebración da Cea Medieval. Míchel Antelo, presidente de Cherinkas, explicará todo aquelo que envolve ao Asalto dun xeito inherente: a artesanía, o deseño, o deporte e a creación literaria e audiovisual. Haberá tamén un representante municipal que plasmará a aposta do Concello de Vimianzo por esta festa. O último participante será Manuel Rial que exporá o papel dos medios de comunicación no Asalto ao Castelo.

Exposición “20 anos de Asalto”

Ao remate da charla-coloquio, representantes de Cherinkas, Axvalso e do Concello de Vimianzo procederán á apertura da exposición “1996-2015. 20 Anos de Asalto” na Sala Antón Mouzo da Casa da Cultura de Vimianzo.

Unha primeira parte da exposición constará dunha gráfica con todos os carteis e dípticos da historia do Asalto, fotografías dos 20 anos e unha pequena historia de como xurdiu e como foi medrando ata converterse no que é hoxe. A segunda parte estará formada por elementos significativos que forman parte da historia do Asalto e que foron e son representativos, dun xeito ou doutro, dalgunha edición da festa.

Novas relacionadas

Fonte