Máis auga para o parque empresarial de Vimianzo
O Consello da Xunta autorizou a colaboración técnica e financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co Concello de Vimianzo, para reforzar abastecemento de auga potable no municipio co obxectivo de mellorar o servizo tanto á poboación como ao polígono industrial.
A Consellería de Medio Ambiente investirá preto de 365.000 euros neste proxecto, que permitirá duplicar a capacidade potencial do servizo de abastacemento, que pasará dos 2.000 habitantes actuais a máis de 4.000 cando as obras estean rematadas.
Indica a Xunta que o motivo de tal incremento é a "recente" construción do parque empresarial de Vimianzo, polo que a demanda de consumo de auga "se incrementou notablemente". Curioso de tódolos xeitos, que tal e como está o parque, baleiro, aseguren que por mor do parque "o servizo de abastecemento á poboación do núcleo de Vimianzo sufra deficiencias, o que fai necesario incrementar o caudal".
Nova camptación
Como consecuencia, a Xunta construirá unha nova captación no Val da Regueira, así como unha condución de 4.200 metros de lonxitude ata o depósito previo á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) xa existente.
A nova captación será desde o encoro situado na bacía norte do regato do Val da Regueira, e farase mediante un azud de formigón armado con comporta manual e tubo que verterá ata un decantador que conecta coa arqueta inicial da rede. A condución irá soterrada pola estrada C-552, cruzando o núcleo rural de Ogas.
Ademais, instalarase unha válvula reguladora de presión, xa que a cota máis baixa da condución está a -15,92 metros baixo terra. A entrada ao depósito será mediante unha arqueta previa que disporá dun filtro, unha ventosa e unha válvula automática para regular o caudal de entrada.
Desta forma, poderase garantir o abastecemento tanto ao polígono empresarial como aos habitantes do concello e dos núcleos limítrofes.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa da Xunta.