A nova residencia artística de Vimianzo reforza o vínculo entre cultura e ciencia
O Auditorio de Vimianzo acollerá do 23 ao 28 de febreiro unha nova residencia artística do proxecto “Clementina y los Planetas”, unha iniciativa impulsada polo Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC) e NAUTA TEATRO, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT – FCT-24- 20586) e o apoio do Concello de Vimianzo, Teo e Santiago.
Esta residencia artística non só reforza o vínculo entre cultura e coñecemento científico, senón que consolida a aposta de Vimianzo pola divulgación astronómica e reforza o seu posicionamento como Destino Turístico Starlight, promovendo a sensibilización arredor do ceo nocturno, a ciencia e a igualdade como eixos de desenvolvemento cultural e educativo do territorio
‘Clementina e os Planetas’ propón unha creativa e innovadora fusión entre a astrofísica e as artes escénicas como ferramenta de divulgación científica, empregando o teatro de obxectos —máscaras, monicreques e marionetas— para achegar a todos os públicos os coñecementos máis actuais sobre o Universo próximo: estrelas, planetas e cometas. O proxecto ten como obxectivo estimular a curiosidade científica, visibilizar futuras misións espaciais e fomentar valores sociais aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 da ONU, a través da aventura de Clementina, unha viaxeira interplanetaria que percorre mundos exóticos e diversos na procura dun novo fogar.
A proposta enmárcase na conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, combinando artes escénicas e divulgación científica para achegar a astronomía ao público escolar desde unha perspectiva creativa, participativa e con enfoque de igualdade.
O proxecto está coordinado desde o Instituto de Astrofísica de Andalucía pola investigadora Sara Cazzoli, científica do IAA-CSIC especializada no estudo do medio interestelar e do gas molecular nas galaxias, así como na formación e evolución das estruturas galácticas. Doutora en Astrofísica, desenvolve o seu labor no ámbito da radioastronomía e participa en proxectos internacionais de investigación. Destaca tamén polo seu compromiso coa divulgación científica e coa promoción das vocacións STEM entre a infancia e a mocidade, especialmente no impulso do papel das mulleres na ciencia.
Obradoiros didácticos para Primaria
O mércores 25 de febreiro desenvolveranse dous obradoiros dirixidos ao alumnado de Educación Primaria do CEIP san Vicenzo:
- 11:00 h – Grupo de 1º ou 2º de Primaria (aproximadamente 25 nenos e nenas)
- 12:00 h – Grupo de 2º ou 3º de Primaria (aproximadamente 25 nenos e nenas)
Estas sesións ofrecerán unha experiencia práctica arredor da astronomía e da curiosidade científica, promovendo referentes femininos no ámbito científico e fomentando vocacións desde idades temperás.
Espectáculo e coloquio
O venres 27 de febreiro terá lugar unha xornada aberta ao público que incluirá:
• 11:00 h – Pase escolar do espectáculo “Clementina y los Planetas”, coa participación do alumnado de 1º a 6º de Educación Primaria do CEIP San Vicenzo e do CEIP de Baiñas, seguida dun coloquio co equipo artístico e científico do proxecto.
• 18:00 h – Representación aberta ao público xeral, seguida dun coloquio co equipo artístico e científico do proxecto.
A montaxe combina teatro, música e divulgación científica para presentar de maneira accesible conceptos astronómicos, ao tempo que visibiliza o papel das mulleres na historia e no presente da ciencia.