A programación de Outono de Vimianzo chega con 14 propostas escénicas
Nova demostración do Concello de Vimianzo da súa preocupación pola programación continua, receita para unha correcta e noble utilización das infraestruturas culturais. As responsables municipais presentaron o novo programa para este outono.
O Auditorio de Vimianzo acollerá este outono 14 propostas escénicas de música, teatro, cine e danza, cunha programación cofinanciada pola Deputación da Coruña, comprendida na Programación Outono das Artes da Rede Cultural, Rede Galega de Teatros e Auditorios AGADIC da Xunta de Galicia, Galicia Escena Norte e o Ministerio de Agricultura.
“Desde o 27 de setembro e ata 29 de novembro teremos ininterrompidamente en Vimianzo 14 propostas artísticas que van desde as obras de teatro, o cine, os musicais e o humor, cun prezo realmente asequible e dun nivel altísimo”, avanzaba a alcaldesa, Mónica Rodríguez. “Todas serán en horario de tarde, un intre máis que perfecto para desfrutar da mellor cultura a carón da casa”, recalcaba Rosa Blanco.
Pola súa banda, Nieves Lema quixo subliñar que “abriremos a programación coa estrea de ‘Na cerna do son’ de Iván Villar, un espectáculo multiarterial que mistura danza, poesía e música en directo cun piano de cola e un caixón, rendendo homenaxe á emigración galega ao longo do século pasado. Serán 14 espectáculos de primeiro nivel con maiúsculas”, asegurou.
Carlos Blanco porá a guinda o 29 de novembro con ‘A penúltima’, con imaxes e historias novas e vellas pero sempre con gargalladas garantidas. Durante 70 minutos, o humorista fará divertirse e sanar a todo o público.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quixo agradecer “ao departamento de Cultura facer posible, doutra volta, unha completísima programación cultural para as fins de semana de setembro, outubro e novembro sen moverse da casa e con espectáculos de primeira orde”.
Camino Escena Norte
Este proxecto cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, volveu a escoller Vimianzo para achegar ao público a obra dunha importante compañía cántabra: El Tejo, unha produtora de artes escénicas e audiovisuais que ten como obxectivo amosar que outra maneira de ver as cousas é posible.
Será con ‘El jardín de las posibilidades’ o 25 de outubro ás 20:00 horas cando o público poida contemplar esta marabillosa, que se nutre da narrativa de Federico García Lorca nas súas ‘Suites’ sobre este marabilloso lugar, onde habitan os amores que nunca resultaron, os fillos que non naceron e as decisións que nunca se tomaron. Unha historia da súa amiga da alma e a primeira investigación que en 1955 levaron a propia Emilia Llanos e Agustín Penón para descubrir como foron as derradeiras horas de Lorca, quen o asasinou e onde está enterrado.
Vimianzo, sede do Festival Escena de Muller
O concello de Vimianzo é un dos lugares que acolle o FEM, Festival Escena de Muller, un proxecto artístico e social comprometido coa visibilización de creadoras galegas contemporáneas. Con ‘O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada’ o vindeiro 19 de outubro, abórdase a relación da protagonista co seu corpo, marcada pola gordofobia que se respira en calquera recuncho desta sociedade da fermosura.
Programa completo
- ‘Na cerna do son’, de Iván Villar para Gallaecia Eventos, o 27 de setembro ás 20:30 horas
- ‘As desterradas’, de Excéntricas Producións o 4 de outubro ás 20:30 horas.
- ‘Neura’, de Ste Xeito Producións o 11 de outubro ás 20:30 horas.
- ‘Los destellos’, dentro do Cicle de Cine Nacional o 15 de outubro ás 20:00 horas.
- ‘O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada’, de Butacazero dentro do FEM 2025 o 19 de outubro ás 20:30 horas.
- ‘El jardín de las posibilidades’, de El Tejo o 25 de outubro ás 20:30 horas.
- ‘Vitória’, de Iria Pinheiro o 26 de outubro ás 20:30 horas.
- Concerto da Orquestra de Cámara de Galicia o 1 de novembro ás 20:30 horas.
- ‘Blues de medianoite’ de Laboratorio Escénico o 2 de novembro ás 20:30 horas.
- ‘As gardiás ou o nó do tecelán’, de Teatro de Ningures o 8 de novembro ás 20:30 horas.
- Homenaxe aos 25 anos de Ialma, o 15 de novembro ás 20:30 horas.
- ‘Musical dos 80 e 90 rumbo 2000’ o 16 de novembro ás 18:00 horas.
- ‘Cantares atlánticos’ de Soledad Vidal e Aurelio Viribay o 22 de novembro ás 20:30 horas.
- ‘A penúltima’, de Carlos Blanco o 29 de novembro ás 20:30 horas.
As entradas
O prezo habitual para cada espectáculo será de 5 euros, con posibilidade de redución a 2,50 euros para maiores de 65 anos e estudantes acreditando respectivas condicións; o espectáculo de Carlos Blanco terá un custe de 8 euros, con reducida a 5 euros; o ‘Musical dos 80 e 90 rumbo aos 2000’ contará cun único prezo de 16,60 euros a través de woutick.es e a noite de cine será de balde. A venda anticipada estará aberta en www.woutick.es de xeito permanente ou na Casa da Cultura, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas. O despacho de billetes antes do espectáculo estará aberto desde unha hora antes do comezo de cada evento. Non se poderá entrar unha vez estea iniciado o espectáculo e non están recomendados para menores de idade.