Carballo e Vimianzo acollerán funcións de Camiño Escena Norte 2025
- Pausa, da compañía vasca niMú, representarase o 26 de setembro no marco do FIOT; mentres que El jardín de las posibilidades, da cántabra El Tejo Producciones, poderase ver o 25 de outubro no Auditorio Municipal vimiancés

A sétima edición do proxecto de intercambio cultural Camiño Escena Norte achegará dez espectaculos de danza, teatro e circo a outras tantas localidades de Galicia. A programación, que decorrerá do 12 de setembro ao 26 de outubro e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), presentará pezas para públicos de todas as idades de compañías orixinarias de Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, territorio que se incorpora á iniciativa neste 2025.
A programación, dada a coñecer esta mañá na Praza do Obradoiro, presentará un total de dez funcións en Arzúa, Carballo, Foz, Lugo, Outes, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vilalba, Vimianzo e Negreira, que se estrea como sede do programa. Baixo o lema Sementar, coidar, xermolar, a sétima edición de CEN achegará até distintos escenarios e públicos os traballos de compañías que forman parte deste programa de intercambio, no que Galicia tamén exportará o seu talento aos demais territorios a través de Pérez & Fernández, Grupo Chévere e Paula Quintas Cía., quen representou esta mañá un anaco do seu Multiperspectivas#3.

Este Itinerario Constelacións comezará, como é habitual, na cidade de Santiago de Compostela. A primeira cita será o venres 12 de setembro na Praza da Quintana e chegará da man de Pausa, unha proposta circense para todos os públicos da compañía vasca NiMú, e que se volverá representar o 26 de setembro en Carballo, no marco do FIOT; festival co cal CEN desenvolve unha estreita colaboración desde hai anos a través do proxecto Vieiros (para a promoción de eventos escénicos fóra do seu territorio).
A cita vimiancesa será o 25 de outubro ás 20.30h no Auditorio Municipal do Pazo da Cultura, con El jardín de las posibilidades, de El Tejo Producciones (Cantabria) formulado para o público adulto. Venda de entradas en www.woutick.es (5€ / reducido: 2,5€)