A sesión vermú do domingo, polas parroquias coa Costa da Vida

Acordeireta en Serramo

Este pasado domingo arrincou o fermoso proxecto “Costa da Vida”, co que o Concello de Vimianzo está achegar a cultura ás súas parroquias. Un programa que parece máis feito polas asociacións veciñais que por un Concello, e iso di moito do intento de achegamento á realidade cidadá.
Fíxoo con dúas actuacións nas parroquias de Cereixo e Serramo, enchendo de vida as antigas escolas para a sesión vermú.

Música e callos para o menú da sesión vermú dominical

Por un lado estivo Acordeireta, que son Patricia González e Alejandro Balbuena unindo a pandeireta, o acordeón e a voz para homenaxear á cultura galega co seu “Loitar cantando”.

Rilo&Penadique en Cambeda

O outro evento, celebrado na escola de Cambeda, foi protagonizado polo dúo Rilo&Penadique, co espectáculo 'Arrolando as Frores', que mestura narración oral e música que deixou á veciñanza, menos acostumada a participar nestes eventos culturais, entusiasmada.

Tendes un fermoso vídeo en Facebook do Concello de Vimianzo

Vindeira cita

Nieves Lema, á esquerda, vendo a Costa da Vida

A técnica de Cultura do Concello, e gran culpable destes programas de dinamización, Nieves Lema, está encantada pois esta vindeira semana a cita é na súa parroquia, en Carnés.

Será Vero Rilo a que se una á Pandereiteiras de Carnés para facer as delicias da xente este domingo ás 12:00h no Centro Cultural de Carnés. Na xornada tamén haberá cabida para o baile xunto coas pandereteiras de Carnés.

Tralalareira é un espectáculo de narración oral, humor, viño e música para público adulto. Nesta ocasión, a narradora Vero Rilo acompáñase de Santi Cribeiro (Berrogüeto, Matto Congro, Os d´Abaixo...) ao acordeón. Esta proposta nace da boca dunha muller, da señora Isolina, Ai neniña, o que se contaba darredor dun lume, que dicía ela. Este é un espectáculo con humor, viño, e contos tras a lareira. 

Ademáis, ao remate, as persoas que asistan poderán desfrutar de de pinchos a cargo da organización.

Novas relacionadas