Xoves. 28.03.2024
El tiempo

As parroquias de Vimianzo acollen o proxecto ‘A Costa da Vida’

CalendarioCostaVida copia
As parroquias de Vimianzo acollen o proxecto ‘A Costa da Vida’

Volverá encher a cultura as parroquias do Concello de Vimianzo, gracias ao programa ‘A Costa da Vida’, un dos 15 proxectos subvencionados pola Xunta ao abeiro da primeira convocatoria do fondo Territorio Cultura da Xunta de Galicia.

Un proxecto que arrincaba en novembro cunha singular actuación de Mercedes Peón, Ana Fernández e Mónica Nut; e, que esta fin de semana vivirá as primeiras funcións polas parroquias. O programa conta con 18 eventos, 18 intervencións artísticas de primeiro nivel do panorama cultural galego, para “implicar á veciñanza en xeral, e ao tecido asociativo en particular, para acadar unha dinamización sociocultural do municipio recuperando a vida e a cohesión social dos núcleos habitados da localidade a través da cultura”.

Así, o sábado 14 a escola de Vilar, en Cereixo, acollerá o espectáculo de comedia ‘Dous no camiño’ con Fran Rei e Isa Risco. Será ás 13:00 horas. Dirixida por Avelino González a partir de textos de Roi Vidal e Xurxo Barcala, esta obra foi creada especificamente para a programación do Xacobeo Vive o Camiño 2017. Nesta montaxe, dirixida a todos os públicos e cunha posta en escena moi sinxela, revísanse tres das lendas xacobeas máis populares: a do cabaleiro francés Roldán, a da barca de pedra de Muxía, e a traslatio do Apóstolo Santiago a Compostela.

O domingo 15, Píscore aterrará co seu ‘Concerto Singular’ no local social de Comareiro, en Serramo. Será ás 12:00 horas. O espectáculo, unha comedia xestual, co clown e a participación do público como eixes, levou premio do público Festiclown 2017.

Desde o Concello agardan que o público desfrute “de obras, espectáculos e concertos de gran calidade” que se estenderán por todas as parroquias porque a cultura é “un ben que debemos coidar e ao que todo o mundo debe ter acceso”.

Comentarios