Os socialistas de Vimianzo consternados polo pasamento de Anabel Regueira

Anabel Regueira en 2015

Apenas tiña 39 anos, pero o cancro acaba de levala. Hoxe Vimianzo espertou coa triste nova do falecemento de Anabel Regueira, natural de Reboredo, Salto, que xace no Tanatorio Funeraria San Vicente.

A familia do Partido Socialista de Vimianzo (Regueira estivo nas listas de 2015), quere mandar todo o seu apoio e cariño á familia nestes momentos tan difíciles, e escribiron estas palabras en homenaxe.

PSdeG Vimianzo: “In memoriam, Ana Isabel Regueira Unha muller loitadora onde as haxa”

B.Brecht decía que quen loita toda unha vida, esas son as persoas imprescindibles, e é así como desperta hoxe Vimianzo, sen unha muller das imprescindibles.
As/os que tivemos a sorte de coñecerte, sabemos a muller tan loitadora que sempre fuches, o moito que te preocupabas por todas as persoas que te rodeaban, polas veciñas e veciños e o que querías ao teu pobo, Vimianzo, cariño que te levou a tomar a decisión de acompañarnos aos socialistas na candidatura para as eleccións do ano 2015.

Xa por aquel entón te definías por ser unha muller cunha fortaleza insuperable e así te presentábamos a todas e todos as/os veciñas/os de Vimianzo, como ti eres, “Ana Isabel Regueira, unha moza sociable, traballadora, soñadora e cun gran poder de superación cando a vida se torce”. Sempre sacaches forzas de ata debaixo das pedras para calquera inconvinte que se presentaba, e coa enfermidade non foi doutra maneira, enfrontácheste a ela facendo honra a esas palabras de fai sete anos, “[...] cun gran poder de superación cando a vida se torce”. E Vaia se o tiveches! Loitaches ata o último momento e sempre cun sorriso, incluso nos días máis difíciles. Iso é co que nos quedamos de ti, co teu sorriso e co teu ánimo que nunca perdeches.

A pesar de que hoxe, Salto, parroquia que te viu nacer, e todo o pobo de Vimianzo quedamos tristes pola túa marcha, xa que quedamos sen unha gran compañeira socialista, sen unha extraordinaria persoa, sen unha veciña xenerosa, e moitos de nos sen unha gran amiga; preferimos pensar no que gañamos por coñecerche e por terte nas nosas vidas.

Sempre estarás nos nosos corazóns e por iso non che imos dicir adeús, só ata pronto compañeira, ata pronto veciña, ata pronto amiga.

“Que a terra che sexa leve, compañeira”.