Tere Puñal de Asotrame ofrece en Vimianzo unha charla de alimentación saudable e autocoidado emocional

Vimianzo acollerá o vindeiro luns a charla divulgativa “Coidar-me!”, centrada na alimentación saudable e no autocoidado emocional. Unha iniciativa que é froito da colaboración entre Asotrame e de Tere Puñal nutrición, unha firma da localidade á fronte da que está unha voluntaria da asociación. A sesión, impulsada polo Concello, terá lugar o luns 13 de abril, na sala de conferencias da Casa da Cultura vimiancesa. 

A educadora social da Asociación galega de persoas transplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas, Laura Bueno, e a técnica en dietética e nutrición, Tere Puñal, expaciente de leucemia, transplantada, e voluntaria da entidade, póñense man a man á fronte desta actividade. Trátase dunha charla que busca promover hábitos de alimentación saudables, mellorar a relación coa comida e fomentar o autocoidado emocional como base para acadar un benestar integral.

Durante o taller, que arrincará ás 17 horas, ofreceranse claves para interpretar o etiquetado alimentario, para conseguir uns hábitos seguros na manipulación e conservación de alimentos e para conseguir unha relación equilibrada coa alimentación. No plano emocional, abordaranse estratexias prácticas para a xestión do estrés e da ansiedade, así como para previr o síndrome do traballador queimado. 

Inscrición

“Coidar-me!”, que conta co patrocinio do Concello de Vimianzo, vén a reforzar a aposta municipal por promocionar a saúde comunitaria e mellorar a calidade de vida da veciñanza. Para participar na charla, aberta ao conxunto da poboación, cómpre inscribirse a través deste formulario web.