Vimianzo aproba os orzamentos de 2026
O Concello de Vimianzo aprobou no pleno ordinario celebrado hoxe, 26 de novembro, os orzamentos para 2026. Un plan económico de 8.614.900 euros que foi aprobado cos votos a favor do PSdeG-PSOE e a abstención do PP e o BNG.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, definiu o plan como “responsable, realista e profundamente social, pensado para dar resposta ás necesidades dun concello moi extenso, disperso e rural”. A rexedora asegurou que “a ruta a seguir é clara: as persoas e o rural como prioridade e a estabilidade económica como principio básico de xestión”.
A primeira edil agradeceu “o inmenso e incansable traballo de todos os traballadores e traballadoras municipais que fixeron posibles estes orzamentos. Uns orzamentos pensados para os veciños e veciñas, que manteñen o Concello sen débedas e coas taxas conxeladas”.
Un orzamento social
A partida máis relevante é a Asistencia Social Primaria, que ascende a 2.183.007 euros, o que representa o 25,3 % do orzamento. Os cálculos están pensados para facer fronte ao Servizo de Axuda no Fogar, políticas de igualdade, programas de conciliación, axudas á natalidade, á emerxencia social, aos apoios ás familias con menos recursos, etc.
Máis do 30 % do orzamento destínase a servizos públicos básicos fundamentais para garantir a calidade de vida nas 14 parroquias do municipio. O obxectivo é “coidar o territorio e garantir servizos de calidade en todos os lugares”.
Nesta liña, para obras e mantemento de infraestruturas viarias resérvase unha partida de 804.870 euros (9,3 %); para a pavimentación de vías públicas e mantemento de camiños unha de 300.965 euros (3,5 %); para o alumeado público destínanse 374.853 euros (4,35 %); para a xestión e tratamento de residuos a cantidade ascende a 764.500 euros (8,9 %); para o abastecemento domiciliario da auga resérvanse 151.520 euros (1,7 %); para a rede de sumidoiros 65.000 euros; inclúense tamén as partidas para limpeza viaria, parques e xardíns, para a que se consignan máis 150.000 euros.
Fomento do emprego
Nos orzamentos inclúese unha partida de 240.000 euros para fomentar o emprego e xerar, así, máis oportunidades laborais. Contémplase o mantemento da patrulla durante nove meses para os traballos de limpeza e mantemento e tamén o reforzo da patrulla verde, que se dedica á limpeza de ríos (nos tramos urbanos) e contornas naturais.
Cultura, deporte e educación
A cultura, o deporte e a educación son outro dos piares da actuación. O obxectivo é manter un concello vivo, dinámico e con oportunidades para todas as xeracións.
Nesta liña inclúense, entre outras accións, 249.235 euros para a promoción cultural e 229.522 para equipamentos culturais e museos; 186.500 euros para festexos e tradicións locais; 367.789 euros para deporte e instalacións deportivas; 146.999 euros para a biblioteca, servizos educativos e apoio escolar; 3.000 para axudas ao comercio e hostalaría; 10.000 para celebrar en Vimianzo o Campionato Nacional de Trial por primeira vez na historia; e 15.000 para levar a cabo un convenio coa UNED.
O BNG de Vimianzo cualifica como “orzamentos de despilfarro”
Pola súa banda, o BNG de Vimianzo cualificou como “orzamentos de despilfarro”, denunciando que “son propios dun goberno sen proxecto de estratéxico que non é quen de ver nin os problemas, nin tampouco as oportunidades”. Criticou "a ausencia de inversión en
plans orientados a vivenda, a fin de fixar a poboación xerada polas empresas locais, nin políticas para garantir o relevo xeracional das pymes".
Ademais, o voceiro do BNG lamentou que só o 5% por cento das contas se dedique a obras e saneamentos, “nun concello no que o corenta por cento dos núcleos seguen cos pozos negros”.
O BNG vimiancés amosouse satisfeito de que se atenderán as súas peticións en canto aos saneamentos e beirarrúas para a parroquia de Serramo e no lugar de O Campo (Bamiro), pero lamentaron a negativa da alcaldesa as súas propostas de impulsar unha Casa da Xuventude e un Centro de Día, así como a elaboración do PXOM.