Vimianzo mantén a súa aposta pola programación continua para encher o auditorio

Ademais de levar a cultura polas parroquias co fermoso proxecto “A Costa da Vida”, o Concello de Vimianzo mantén a súa aposta pola programación continua para encher o auditorio da Casa da Cultura. Así o explicaron onte a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; a edila de Benestar Social, María José Pose; e a técnica de Cultura, Nieves Lema, que deron a coñecer o completo programa que traerá 12 espectáculos de gran calidade de teatro, música, danza e circo para un público adulto e que se desenvolverán de xaneiro a maio no Auditorio municipal.

O inicio da programación está previsto para o último sábado deste mes de xaneiro, día 28, co espectáculo Flores de España da compañía nacional Los Sueños de Fausto. Aborda diferentes temáticas relacionadas coa memoria histórica, a posguerra, os bebés roubados durante a ditadura ou a entrada á democracia. O 4 de febreiro Caxoto aterrará en Vimianzo con Don Carnal. Contos Desvergoñados que levará ao público a un tempo pasado onde se conxugaban mellor conceptos como luxuria, esmorga ou blasfemia.

A rexedora agradeceu “o apoio recibido pola Deputación da Coruña e a Rede Galega de Teatros e Auditorios Agadic da Xunta, ademais do Centro Dramático Galego, xa que fixeron posible este completo abano de espectáculos culturais de recoñecidas compañías”.

Novas relacionadas