Volve a programación cultural semestral á Casa da Cultura de Vimianzo
Xa dixemos moitas veces que a programación continua é moi boa receita para encher auditorios. E así o entende o Concello de Vimianzo, que arma, logo do parón para descansar o Nadal, unha completa programación para encher de vida auditorio da Casa da Cultura durante os meses de febreiro a maio. Programación para todos os públicos e para todos os gustos. Música, teatro, monólogos encherán as tardes dos domingos en Vimianzo. E coma sempre, de balde.
A programación comeza cunha novidade ao respecto destes anos, e é que os máis pequenos da casa serán os protagonistas do Febreiro pequeneiro, produción galega para que gocen pais e fillos. Abre a programación a compañía Migallas, tan recoñecida por facer as delicias das crianzas coas súas cancións, o espectáculo Esta vai ser boa! animará a pequenos e maiores. O domingo día 8 teatro infantil coa Compañía Redrum e o espectáculo Roedores e logo do entroido, a recén estreada compañia Animundis, traerá á terra do seu ideólogo Benxamín Queiro, música e teatro para toda a familia. Todos os espectáculos deste mes ás 18.30 horas.
Ás 20 horas, para público adulto, será o Marzo lareteiro traerá aos mellores contadores a Vimianzo, César Cambeiro, Cándido Pazó, Celso Fernández, Isabel Risco e Charo Pita, que encherán de humor o auditorio.
Máis serios poñemoños en Abril verdadeiro cos Contos da vida, guerra, amor e case morte de Daboapipa e Theatron Produccións Escénicas De leria con Castelo, pechando o mes como vén sendo habitual conmemorando a Revoluçao dos cravos cun espectáculo de fados da man de Pepe Piña.
Comezamos o Maio musiqueiro con música da casa, exhibición de música tradicional, baile e guitarra, piano e violín para rematar o mes. E Xuño vimianceiro coas escolas municipas de teatro infatís e adultos.
Xa tendes todas as citas debulladas en www.axendacostadamorte.com.