Xoves. 09.07.2020
El tiempo

Programación continua, receita para encher os auditorios

Programación continua, receita para encher os auditorios

Cantas veces nos queixamos de que hai poucas cousas que facer na bisbarra. Raro é que non haia nada na Axenda Costa da Morte cada fin de semana. Pero hai Concellos que procuran artellar unha programación continua, que fai do hábito un éxito.

Así nolo confirmaba Artur Trillo, un dos grandes teatreiros da bisbarra á fronte de Talía Teatro, que nos apuntaba que o éxito da Mostra de Teatro de Cee era o hábito adquirido pola poboación. Apuntaba tamén que o teatro en Cee funciona moi ben porque a xente toma costume de ir, sabe que os sábados hai programación durante o outono e a primavera e iso facilita o feito de ir a disfrutar dunha obra, sexa cal for.

A día de hoxe, só Concellos coma os de Cee, Cabana, Ponteceso e Vimianzo propoñen unha oferta continua durante varios meses seguidos. En Vimianzo, hai programación cultural todos os domingos de febreiro a xuño, o que provoca que un domingo calquera, como este pasado, cando non hai nada máis que facer na bisbarra, xentes de toda a zona se acheguen á Casa da Cultura vimiancesa a disfrutar da obra de turno. De feito, este pasado domingo había unhas 60 persoas, toda unha cifra.
A propia Marta Rey, secretaria da alcaldía no Concello vimiancés apunta que "o segredo do éxito supoño que é que a tales alturas xa se creou un hábito na xente en ir ao teatro o domingo pola tarde xa que, ou vas ao fútbol ou non tes outra actividade, e por riba o teatro é de balde!"

Que dicir tamén dos concellos do norte da bisbarra como Cabana de Bergantiños ou Ponteceso, que seguen un escalón por riba na programación cultural. O Inverno da Memoria ou a Privamera Cultural de Cabana chegan á veciñanza cun seguemento espectacular.

Pois iso, que animamos a todos os concellos da bisbarra a prantexar que artellen programas continuos de oferta cultural, que se cadra os primeiros meses non se acadan os resultados esperados, pero que pouco a pouco, facendo do hábito unha arma, encheranse os enormes auditorios e casas da cultura que temos por todas as parroquias.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

comentarios