A 41ª Carballeira de Zas afonda no seu carácter interxeracional
A Carballeira de Zas reafirma o seu modelo como un evento inclusivo, accesible e abertamente familiar. Co inicio das vacacións escolares e en plena conta atrás para a súa 41ª edición, a organización do festival pon en valor a súa aposta polo relevo xeracional, mantendo de forma decidida a política de entrada de balde para os menores de 14 e para os maiores de 65 anos.
Esta medida busca que a música de raíz, a tradición e o orgullo polo patrimonio cultural non teñan barreiras económicas e poidan ser desfrutados en igualdade por avós, pais e netos baixo o manto da Carballeira de Velar.
O director do festival, Diego Blanco, destaca o valor desta iniciativa subliñando que, “afronto esta nova etapa cun profundo respecto polo camiño percorrido, e o gran obxectivo de manter intacta esa esencia popular que fai única á Carballeira”. Segundo Blanco, o festival non é só unha cita musical, senón “un espazo vivo onde a tradición se transmite de xeración en xeración de forma natural”.
Un sábado pensado para gozar en familia
Aínda que o cartel conta con grandes referentes do folk de vangarda, o espírito interxeracional do festival baterá con forza durante a xornada do sábado. Dende as 12.00 horas, a Carballeira transformarase nun gran escenario lúdico e cultural deseñado especificamente para o gozo de todas as idades.
O público poderá desfrutar en primeiro lugar da proposta de Paco Nogueiras, que fará cantar e bailar a nenos e maiores. A xornada continuará coa mestría e a sensibilidade de Xabier Díaz, un dos nomes imprescindibles do folk galego actual e un artista que conecta de forma única con públicos de todas as xeracións.
Despois, a enerxía espallarase polo recinto coa forza de Cé Orquestra Pantasma e o recoñecido ilusionismo do Mago Teto, que encherá a carballeira de maxia para grandes e pequenos. Sumándose a este ambiente festivo, celebrarase a tradicional foliada, un dos momentos máis agardados no que participarán diversos grupos de música tradicional e onde músicos, veciños e visitantes se unirán para tocar, cantar e bailar xuntos. Ademais, o recinto albergará unha gran oferta gastronómica e un mercado de artesanía, convertendo o festival na opción ideal para pasar o día completo en contacto coa natureza.
Os menores de 14 anos e os maiores de 65 poderán acceder ao recinto de forma totalmente gratuíta durante todo o fin de semana, xustificando a súa idade no control do acceso do festival. Para o resto do público, os bonos e entradas diarias xa están á venda na páxina web oficial do evento