Os dous centros da ESO de Zas gañan os Premios Nacionais ás Experiencias Científicas

Equipo tecnolóxico do CPI de Zas

Seguen demostrando que a comarca está na vangarda educativa arredor das novas tecnoloxías. Os dous centros públicos de
Educación Secundaria de Zas acaban de ser recoñecidos cos I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan no alumnado as competencias dixitais e STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas polas súas siglas en inglés). 

Trátase de "Clics seguros en Zas", coordinado pola profesora Lorena Cerdeira do Centro Público Integrado de Zas, e "Miño en xogo", autoría dos docentes Fina Paulos e Óscar Rey do Instituto Maximino Romero de Lema, finalistas dos Premios Educa Abanca.

 

 

Riscos e ameazas da rede e nos dispositivos

Neste sentido, o proxecto do CPI de Zas foi elaborado a partir da aplicación do recurso educativo aberto Sen medo a facer clic do proxecto cREAgal, a plataforma de contidos educativos en aberto que impulsa a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. É, polo tanto, o exemplo de como se pode adaptar un destes recursos que a Xunta pon a disposición de toda a comunidade educativa galega á realidade concreta dun centro para acadar o maior aproveitamento do mesmo.

Este proxecto recibiu tamén o premio do II Concurso de iniciativas didácticas sobre Tecnoloxía para o Ben Común que organiza Enxeñería sen fronteiras.

 

Uso de intelixencia artificial e radio escolar

Pola súa banda, a iniciativa do IES Maximino Romero de Lema é tamén un recurso educativo aberto creado a partir dunha experiencia didáctica desenvolvida o pasado curso 24/25. Aínda que o proxecto orixinal ten un soporte físico, nun taboleiro de madeira elaborado no centro co programa Polos Creativos da Xunta, adaptouse para convertelo nun recurso aberto, reutilizable e replicable en calquera centro do Estado, independentemente do seu contexto, que é precisamente o obxectivo de cREAgal.

"Miño en xogo" é unha proposta de gamificación que combina a tradición coa tecnoloxía para dar a coñecer a diversidade, historia, patrimonio e xeografía de Galicia a través do curso do río Miño. O proxecto inclúe o uso tanto da intelixencia artificial como da radio, onde se gravaron as preguntas do xogo, e afonda en cuestións como a igualdade de xénero ou o compromiso social, entre outras. A iniciativa recibiu tamén o premio Xigante Argalleiro do programa Tech Kids da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.

 

Máis novas