sábado. 18.10.2025
El tiempo

Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo entre os 10 mellores de España nos Premios EDUCA ABANCA 2025

Oscar Rey Calo e Fina Paulos finalistas dos Premios Educa Abanca 2025
Fina Paulos e Óscar Rey Calo no IES de Baio
Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo entre os 10 mellores de España nos Premios EDUCA ABANCA 2025

Os profesores Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, do IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas, A Coruña), veñen de ser seleccionados como finalistas entre os 10 mellores docentes de España na convocatoria dos IX Premios EDUCA ABANCA 2025 Mejor Docente de España (os denominados “Goya da Educación”). Fina participa na categoría de Educación Secundaria e Bacharelato, mentres que Óscar concorre na categoría de Formación Profesional.

Son os únicos docentes galegos que acadaron estar entre os dez primeiros nas súas correspondentes categorías.

Este recoñecemento ten, para ambos, un valor especial: “non só porque supón unha visibilidade estatal, senón porque é o alumnado do propio centro quen os nominou recoñecendo así a súa labor docente, a dedicación e a aposta pola innovación educativa que acompañan o seu quefacer diario”.

Chegar aos dez finalistas é para Fina e Óscar un motivo de satisfacción e orgullo: “chegar ata aquí xa é un éxito”, afirman, valorando o recoñecemento ao traballo realizado por dous docentes do ensino público no rural galego que con tesón, moitas veces con pouco apoio, sacan forzas para mellorar o lugar que ten que ser berce de ilusións e esperanzas para o alumnado. Son dous apaixoados da ensinanza. Ambos profesores queren expresar o seu gratitude ao alumnado do seu centro, que foron quen os propuxeron para estes premios, ás familias e a toda a comunidade educativa que apoia as súas iniciativas educativas. Sen ese respaldo, moitos proxectos non terían transcendencia nin continuidade.

O fallo definitivo coñecerase durante a Gala dos IX Premios EDUCA ABANCA, que se celebrará o 31 de xaneiro de 2026 en Santiago de Compostela. Nesa xornada darase a coñecer o nome do Mellor Docente de España 2025 en cada categoría, seguindo unhas valoracións baseadas en criterios pedagóxicos, innovación, impacto no alumnado e proxección social, que xa situaron que Fina e Óscar se atopen entre os 10 mellores docentes de España.

Fina Paulos Lareo: dedicación, innovación e recoñecementos previos

Fina Paulos Lareo naceu en Santa Marta de Babío (Bergondo, A Coruña) e reside en Perillo (Oleiros). É profesora da especialidade de Informática no IES Maximino Romero de Lema, onde destaca pola súa aposta continua da integración da intelixencia artificial e das metodoloxías activas nas aulas.

Na pasada edición (2024) destes premios, Fina xa acadou o segundo posto coma “Mellor Docente de España na categoría de Secundaria e Bacharelato”, e na edición de 2018 logrou tamén o 2º posto na categoría de Formación Profesional”. Esa traxectoria demostra non só constancia, senón tamén recoñecemento sostido á súa metodoloxía e compromiso coa educación pública do rural galego.

Ademais, Fina é coautora, xunto con Óscar Rey, dos libros “Inteligencia Artificial en el aula” da Editorial Garceta e “Intelixencia Artificial para a sociedade” de Editorial Medulia, que se publicaron con vocación de servir de guía para docentes, alumnado e familias no uso ético, inclusivo, responsable e práctico da IA nos procesos educativos e na sociedade en xeral.

Participou tamén como autora no proxecto “Desenvolvemento e ferramentas de IA no ámbito educativo” promovido pola OEI (Organización de Estados Iberoamericanos) e publicou diversos artigos sobre IA e educación. Participa activamente na formación doutros docentes no ámbito da IA.

Nos seus proxectos docentes promove iniciativas que conectan o ámbito local, a cultura galega e os valores sociais. Recupera e pon en valor os oficios tradicionais, impulsa propostas audiovisuais que fomentan a reflexión sobre a diversidade, a igualdade e a memoria, e integra a intelixencia artificial como ferramenta para garantir un acceso adaptado, inclusivo e personalizado na aprendizaxe.

Óscar Manuel Rey Calo: innovación e compromiso social

Á súa vez, Óscar Rey Calo, naceu en Cee, se ben viviu en Corme ata que a vida o levou para Fisterra. Desenvolve a súa labor docente no mesmo instituto, centrándose especialmente en proxectos de tecnoloxía aplicada, ferramentas dixitais, establecendo o vínculo coa realidade social do entorno rural. Así coordinou diversos proxectos co alumnado cos que acadou diferentes recoñecementos tanto a nivel autonómico coma nacional, por exemplo o proxecto premiado polo Ministerio de Educación “Una Constitución para todos”, que ten coma propósito fomentar o coñecemento, importancia e comprensión dos principios democráticos, dereitos fundamentais e valores que recolle a Carta Magna. Grazas a unha peza audiovisual levada a cabo polo seu alumnado empregando diferentes ferramentas tecnolóxicas, acadou o primeiro premio.

Óscar traballa con Fina na aplicación da IA dentro das metodoloxías activas, co obxectivo de que a tecnoloxía non sexa un fin senón unha ferramenta ao servizo da inclusión, da personalización e da aprendizaxe significativa. Nas súas redes sociais destacan proxectos como “Namórate do rural”, unha iniciativa para recuperar tradición oral e cultura local con alumnado de 3.º da ESO, na que se compaxina patrimonio, tecnoloxía e participación comunitaria.

Óscar entende este recoñecemento como unha homenaxe á entrega cotiá da docencia nun centro do rural galego, onde a proximidade co alumnado é esencial. Destaca que premios coma este axudan a poñer en valor o esforzo compartido do profesorado, do alumnado e da comunidade educativa en xeral, sen olvidarse das familias, visibilizando o compromiso e o potencial transformador da educación en contornos próximos, humanos e profundamente vinculados ao territorio."

O traballo colectivo

Nestes anos, dende o centro baiés desenvólvese unha cultura de proxectos colaborativos, de innovación, inclusión e fusión entre saberes tradicionais e tecnoloxía. Fina e Óscar forman parte activa desa cultura: traballando cos seus grupos de alumnado a través de proxectos, intentando sempre favorecer a atención personalizada. Utilizan o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), a aprendizaxe servizo e metodoloxías por proxectos que implican que o produto final transcenda o instituto e teña impacto social. Entre os proxectos desenvolvidos destacamos:

  • “Miño en xogo”: un xogo educativo que combina tradición e tecnoloxía, integrando sensores NFC, IA, almacenamento na nube, edición de vídeo e audio, así coma a radio escolar e a cortadora láser, para ensinar o patrimonio inmaterial, a diversidade e os valores galegos. Traballo que acadou o curso pasado o premio Xigante Argalleiro pola súa creatividade, enfoque e nivel de execución.
  • “Precursoras na loita pola igualdade”: unha peza audiovisual na que mediante a creación de deepstories de grandes figuras femininas como Clara Campoamor e Emilia Pardo Bazán, se visibiliza o seu papel na loita pola igualdade usando ferramentas de IA.
  • “A maxIA da poesía nunha canción”: transformar poemas de Rosalía e Manuel María en cancións mediante IA, promovendo a literatura galega e a creación artística.
  • “DesexarIA”: sistema de comunicación para persoas con parálise cerebral, baseado en vídeo e IA, para favorecer a autonomía e promover a inclusión.
  • “Maxiconecta.NFC”: Para favorecer a comunicación a persoas con parálise cerebral.
  • MemorIA”: un proxecto no que se traballou cunha persoa con Alzhéimer para, mediante una aplicación feita con IA, darlle independencia na realización de certas tarefas cotiás.
  • “O cabazo da memoria”: Recentemente presentado ao concurso interxeneracional Argallando.gal, promovido polo CPEIG e AMTEGA, onde se deu vida a fotografías dos nosos avós e avóas mediante ferramentas de IA para dar a coñecer a vida no rural no século pasado. Este proxecto foi elaborado en colaboración co departamento de tecnoloxía, Francisco Velo, co que colaboran habitualmente para traballar con outras tecnoloxías coma a cortadora láser ou impresión 3D.
  • “Párao, actúa: Documental sobre a loita contra a violencia de xénero, e que é finalista nos Premios Fouciño desta edición 2025.

Todas estas experiencias reflicten como a innovación educativa se articula con contidos sociais, tecnolóxicos e culturais nun instituto da Galicia rural, deixando pegada non só no alumnado senón tamén nas familias e na contorna en xeral.

Máis novas

Comentarios