O IES de Baio si fala de saúde mental
Importantísimo tratar a saúde mental dende os centros de ensino. Un xeito de achegarse a esta problemática real, sen tabús, con apertura de mente, e con honestidade.
Para iso, o IES Maximino Romero de Lema organizaba onte a actividade “As Discordantes”, un faladoiro sobre xénero e saúde mental. Un espazo de diálogo e reflexión arredor da saúde mental dende unha perspectiva de xénero coa periodista Ana González Liste, o psicólogo clínico Jose Berdullas e a escritora Antía Yáñez.
A coordinadora do proxecto, Antía Yáñez, exerceu de moderadora do debate formulando preguntas, a partir de diversos documentos e artigos periodísticos, que daban pé a compartir a visión e a propia experiencia sobre saúde mental dos poñentes no seu ámbito de traballo: o da comunicación, o da saúde clínica e o da literatura.
Foron moitos os aspectos sobre o tema que se trataron: o grave problema que é en Galicia a saúde mental e o mal atendida pola falta de persoal; o cambio xeracional á hora de abordar o tema xa que a mocidade ten menos prexuízos; o suicidio, cunhas taxas alarmantes
entre os máis novos, así como o aumento notable de crises de ansiedade, autolesións, acoso ou depresións neste grupo da sociedade.
Debateuse tamén sobre a gran carga mental que supón que a muller teña que ocuparse, á parte do seu propio traballo, do tema dos coidados da familia; destacouse a crise dos 40 que afecta sobre todo á muller porque a sociedade lles esixe ser nais nun contexto de traballo inestable ou con problemas de vivenda.
Os tres relatores concluíron subliñando a importancia de desenvolver un espírito crítico para combater a desinformación, do uso moderado de móbiles ou das redes sociais e, sobre todo, coa defensa das relacións interpersoais, expresando os sentimentos, falando dos nosos problemas coa xente que nos rodea, cos veciños, cos amigos...
Resultou un debate animado e estimulante con toques de humor e moita ironía no que o alumnado puido participar activamente respondendo as cuestións que ían xurdindo.
Esta charla-coloquio, organizada pola Deputación da Coruña e na que colaborou o CIM do Concello de Zas, inicia as actividades que fará o Centro baiés para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.