Venres. 03.05.2024
El tiempo

Cristina Canosa: "Manter o suicidio como un tabú provoca que siga sendo unha cuestión silenciada e estigmatizada"

Cristina Canosa fala do Suicido con Andaina
Falamos do suicidio con Cristina Canosa, de Andaina PSM
Cristina Canosa: "Manter o suicidio como un tabú provoca que siga sendo unha cuestión silenciada e estigmatizada"

Foi o suicidio historicamente un verdadeiro tabú para a prensa. Aínda o é para algunhas publicacións envellecidas, pero gracias aos colectivos sociais, e mesmo a entidades como o Colexio de Xornalistas, os medios imos decatándonos da necesidade de abordar o asunto, tratalo con normalidade e fomentar o traballo de prevención.

Para facelo falamos, coincidindo aproximadamente co Día Internacional do Suicidio (10 de setembro) con Cristina Canosa. Esta ceense de 25 anos, é Traballadora Social, especializada en saúde mental, e agora exerce como traballadora social do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Andaina ProSaúde Mental (PSM) en Ordes. Leva dous anos participando no programa de prevención do suicidio que desenvolve a entidade nas comarcas de Ordes e Ulla-Sar, como responsable da liña de información e sensibilización coa que conta o programa. Un programa que sería moi ben acaído na nosa comarca, por certo.

Foto mesa informativa Andaina Pro Saude Mental
Mesa informativa Andaina PSM no Centro de Saúde de Ordes
  • QPC: Por que non se fala abertamente do suicidio a día de hoxe en Galicia? E por que cres que é necesario falar, con claridade, da problemática?

A realidade do suicidio continúa sendo un tabú na sociedade, isto fai que sexa unha cuestión silenciada e estigmatizada. Un dos principais mitos sobre esta cuestión é a crenza de que falar sobre suicidio pode incitar a cometelo. Mais, unha problemática da que non se fala é unha problemática que non se pode previr nin abordar. A Organización Mundial da Saúde subliña que mentres que o suicidio sexa un tema tabú e siga estando silenciado e estigmatizado, as persoas non se sentirán con permiso para falar sobre el e pedir axuda. Así, falar de suicidio abertamente axuda a previlo.

 
  • QPC: É certo que por exemplo, un diario comarcal como o noso, moitas veces se atopa coa problemática de que ao poñer a palabra “suicidio” nunha nova, as familias contactan con nós pedindo que a eliminemos, e iso que adoitamos ser tremendamente precavidos á hora de asumir conclusións. Nós entendemos que é necesario falar destas cousas, pero que lle podemos dicir a esas familias?

Como indicabamos, do suicidio debe falarse, e temos que contribuir a que a poboación se conciencie disto. En todo caso existen límites á hora de informar cando o dereito á información entra en colisión con outros derechos fundamentais como o dereito á intimidade. É o respecto a estes dereitos, tanto das persoas falecidas como do seu entorno, o que debe marcar tamén os límites na cobertura dun suicidio.

 
  • QPC: Os medios de comunicación aínda non levantaron de todo o telón do tabú a falar do suicidio. Por que?

Efectivamente. Outra das crenzas arredor do suicidio é a idea de que os medios de comunicación non deben falar de suicidio porque poderían producir un “efecto chamada”. O medo a provocar dito efecto e o temor a non saber facer un tratamento axeitado do tema, fixo que os medios de comunicación silenciaran esta problemática durante décadas. A problemática do suicidio quedou falta dunha narrativa pública (o que contribúe a afianzar o estigma e o tabú) e foi privada da proxección social que merecería, dada a súa magnitude. Porén, falar sobre esta realidade de forma rigorosa e responsable pode favorecer a súa prevención. As organizacións do ámbito da saúde sinalamos que a difusión de información adecuada sobre suicidio por parte dos medios de comunicación é fundamental. Estes poden convertirse en importantes aliados na prevención se enfocan o tema de forma responsable, sempre con rigor e dende o respecto, considerando as recomendacións dos expertos e tendo en conta os protocolos existentes para facer un tratamento axeitado desta problemática.

 
  • QPC: Como se fai unha crónica sobre un suicidio de xeito responsable? Que cousas hai que contar e que cousas nunca hai que contar sobre un suicidio?

Debería facerse unha fonda análise das cuestións a ter presentes para facer unha correcta abordaxe nos medios. Primeiro temos que ter en conta de que un caso de suicidio cubrirase en función do seu compoñente público, non do suicidio en si mesmo; é dicir, é necesario que o informado resulte de interese público. Hai que traballar para lograr unha redución dos tratamentos descritivos de casos concretos á vez que se dá unha presencia a contidos preventivos que se manteñan no tempo sendo firme no cumprimento das normas da OMS: resaltar as alternativas ao suicidio proporcionando información sobre liñas telefónicas de axuda e recursos comunitarios, informado sobre indicadores de risco e sinais de alarma, non publicando fotografías, non informando de detalles específicos sobre o método usado, non adxudicar unha única causa ao suceso, non xerar hipóteses, etc. Estas poderían ser as primeiras premisas a ter en conta.

 
  • QPC: Podemos falar de cifras, por favor, porque moitas veces non lle prestamos o valor que ten por non analizalas coa profundidade que merecen. Onde se atopan os datos a nivel municipal? Como está a comarca en contraposición con outras zonas de Galicia?

A problemática do suicidio é un obxectivo de primeira orde no que a saúde pública se refire, xa que supón case 800.000 mortes a nivel mundial cada ano segundo datos da OMS de 2021.

Se ben o Estado Español é o terceiro na Unión Europea con menor número de mortes por suicidio (EUROSTAT, 2017), vemos que esta é a causa de morte non natural máis frecuente. No grupo de idade de entre os 15 e os 29 anos, constitúe a segunda causa de morte máis frecuente, despois dos tumores (Observatorio do suicidio, 2020).

O ano 2020 é o ano con máis suicidios rexistrados en España desde que se comezou a recoller este dato, no ano 1906. Os cambios económicos, psicosociais e sanitarios xerados pola pandemia, como a recesión económica e o aumento do desemprego, o illamento, as dificultades de acceso ao apoio comunitario, ou as barreiras para o tratamento da saúde en xeral e da saúde mental en particular, incrementaron a ideación suicida e puideron incidir nun aumento do suicidio.

Concretamente, en España producíronse no 2020 un total de 3.941 suicidios, un 74% de homes e un 26% de mulleres. Cómpre dicir que, se ben os homes consuman o suicidio tres veces máis, as mulleres teñen tres veces máis tentativas. Esta cifra (3.941 casos) implica un aumento de 270 persoas con respecto ao ano 2019 e supón unha media de case 11 suicidios diarios.

Xa con respecto a Galicia, a taxa supera amplamente a taxa estatal, que está nun 7,79 e tamén a europea, que se sitúa nun 11,93. Concretamente, no ano 2020, producíronse en Galicia 307 suicidios. Aproximadamente o 71% foron consumados por homes e o 29% por mulleres. En canto á idade, de xeito xeral, pódese dicir que o suicidio se produciu en adultos na metade da vida. Para os homes, contabilizouse un maior número de casos na franxa de idade 50-54 (31 casos), aínda que se rexistrou un incremento para a franxa comprendida entre os 85 e os 89 anos (24 casos). Con respecto ás mulleres, concentráronse máis casos (26 casos) entre os 55 e os 64 anos (IMELGA, 2020).

Na provincia de A Coruña houbo 135 mortes por esta causa, o que implica unha taxa do 17,16 por cada cen mil habitantes; séguelle a provincia de Lugo, onde houbo 43 suicidios, supoñendo unha taxa do 12,47 por cada cen mil habitantes (IMELGA, 2020).

É difícil concretar máis as cifras xa que non se publican cifras de suicidio desagregadas por municipio (segredo estatístico).

 
  • QPC: O programa que xa desenvolvedes nas comarcas de Ordes e Ulla-Sar arredor do suicidio, en que consiste?

Desde Andaina PSM desenvolvemos o Programa integral para a mellora na detección e intervención en risco de suicidio nas comarcas rurais de Ordes e Ulla-Sar. Con este programa preténdese contribuír á redución da incidencia do suicidio a través de tres liñas de actuación: Formación a profesionais do ámbito sociosanitario, Intervención con persoas e grupos vulnerables, e Información e sensibilización social.

A formación a profesionais ten como finalidade achegar a realidade do suicidio ao persoal dos ámbitos social e sanitario, aportando información relevante para unha mellor abordaxe desta problemática. Neste sentido, ofrécese formación específica para facilitar a detección de persoas e grupos vulnerables, reflexionando acerca dos mitos e o estigma asociados ao suicidio, dando a coñecer os factores de risco e de protección, mostrando os métodos para a valoración do risco, e proporcionando información sobre os recursos de apoio existentes. Esta capacitación tamén se dirixe a estudantando universitario, os futuros profesionais destes ámbitos.

En canto á intervención con persoas e grupos vulnerables, asesoramos e orientamos a persoas en risco, así como ás súas familias e persoas achegadas. Asemade, desenvolvemos obradoiros con persoas pertencentes a determinados colectivos considerados vulnerables en relación ao risco de suicidio.

Finalmente, dende a liña de información e sensibilización social preténdese dotar á poboación de información e ferramentas que axuden a coñecer e previr a conduta suicida. Neste senso, colocamos mesas informativas en dispositivos de recursos comunitarios como centros de saúde e servizos sociais, desenvólvense charlas abertas á ciudadanía en espazos públicos, instalamos puntos de lectura dinamizados con obradoiros de lectura para a desmitificación da conduta suicida en colaboración coas bibliotecas da contorna e tamén se realiza traballo de sensibilización a través de medios de comunicación locais, comarcais e autonómicos.

Andaina dando un Obradoiro desmitificación da conduta suicida en Dodro
Andaina dando un Obradoiro desmitificación da conduta suicida en Dodro
 
  • QPC: En que deben centrarse as accións preventivas?

Os programas preventivos teñen que ter en conta todo o espectro das condutas relacionadas con suicidio (ideación, planificación, tentativa e consumación) e deben implementarse desde a cooperación entre as diversas disciplinas das ciencias da saúde e das ciencias sociais. Unha das medidas máis efectivas na prevención do suicidio son os programas de concienciación e sensibilización tanto no eido educativo como os dirixidos á sociedade no seu conxunto.

Como dato significativo, cabe sinalar que ante outras problemáticas de carácter social a incidencia de campañas de información e sensibilización ten una considerable relevancia no descenso das cifras de mortalidade como pode ser no caso dos accidentes de tráfico, xa que se observamos as cifras dos últimos 20 anos vemos unha progresiva reducción en consonancia a unha maior conscienciación social sobre a seguridade vial. Consideramos por tanto, fundamental a inversión pública en campañas deste tipo que contribuirían tanto a romper co tabú existente como a achegar a información sobre recursos de axuda nos casos de risco de suicidio.

Doutra banda, a Organización Mundial da Saúde considera prioritario formar en materia de detección da conduta suicida a profesionais de diversos ámbitos: social, sanitario, educativo, de emerxencias e corpos de seguridade. Estes/as profesionais son os máis próximos e accesibles á poboación e os que se sitúan na primeira liña de intervención coas persoas, polo que poden actuar como facilitadores comunitarios na prevención do risco de suicidio. Sen dúbida, tamén é fundamental a intervención específica con grupos vulnerables así como mellorar a recollida de datos das condutas suicidas e dos suicidios consumados e realizar investigación sobre o suicidio e a súa prevención.

 
  • QPC: Vemos que nos centros de Andaina PSM en Ordes e Drodo facedes numerosas actividades para fomentar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental, pero incluso a nivel laboral. Contádesnos como funcionan os vosos centros?

Ofrecemos diferentes servizos que posibilitan un traballo integral coa persoa. O noso equipo é multidisciplinar e traballamos dende diferentes áreas na rehabilitación das persoas participantes na entidade. Ofrecemos dende o servizo de información e asesoramento, ata actividades rehabilitadoras diarias, servizo de intervención psicolóxica, intervención social, orientación laboral etc. Contamos, ademáis, co programa de igualdade, programa de voluntariado, servizo de transporte, escola de familias e ocio. Como xa indicabamos, desenvolvemos todo un conxunto de servizos e programas co obxectivo de mellorar o grao de recuperación das persoas nas diferentes áreas da vida, sendo unha entidade que ofrece soporte e acompañamento neste proceso.

  • QPC: Quen son os usuari@s habituais? Son para persoas que sofren eses problemas de saúde mental ou tamén para as familias? Como contactan con vós?

A entidade ten como obxectivo prestar atención continuada ás persoas que sofren trastorno mental persistente e ás súas familias tendo en conta o rol determinante que teñen estas nas posibilidades de recuperación da persoa; son a principal fonte de apoio e precísase traballar con elas para contribuir ao entendemento do trastorno mental e a súa interacción na vida diaria, detección e satisfacción de necesidades na persoa e acompañamento no proceso de recuperación.

As persoas coas que traballamos adoitan chegar por derivación doutras entidades ou institucións como poden ser os Servizos Sociais ou o sistema sanitario mais tamén por iniciativa de familiares e persoas achegadas, en menor medida poden contactar por iniciativa propia ao coñecer a existencia da entidade.

 
  • QPC: Podedes contarnos algún caso, anónimo, que vos impactou?

Como profesionais que aprendemos cada día na intervención e interacción coas persoas participantes destacaríamos as habilidades e a capacidade de resiliencia que descubrimos nas persoas. Os perfís das persoas participantes son moi variados e con historias de vida moi diversas: diferentes rangos de idade, de autonomía, de formación. Vemos día a día que calquera persoa se pode ver afectada polo desenvolvemento dun problema de saúde mental mais tamén que a recuperación é posible se existe soporte e unha boa rede de recursos que garanta o cumprimento dos dereitos das persoas e a existencia de oportunidades.

 
  • QPC: Que necesita Andaina PSM para abrir un programa na Costa da Morte?

Dispositivos como os nosos centros xurden da iniciativa social ou familiar de crear un recurso que dea resposta á intervención e soporte continuado para as persoas con trastorno mental persistente. Co avance do traballo realizado vaise dando estrutura á Asociación e aos recursos cos que se quere contar. No noso caso contamos con 2 Centros de Rehabilitación Psicosocial Laboral que supoñen a principal liña de traballo e que se ve completada co impulso de diferentes programas como pode ser o comentado programa de prevención de suicidio, o programa de igualdade ou o programa de atención domiciliaria entre outros. Cabe mencionar a existencia de APEM como entidade prestadora da atención continuada en saúde mental na Costa da Morte.

Novas relacionadas

Comentarios