Isabel Risco levou unha manchea de Bravas ao IES de Baio

No día de onte o alumnado de 2º de Bacharelato xunto co de 1º e 2º FPB puido gozar, da man do Concello de Zas, do espectáculo teatral Bravas, da actriz Isabel Risco. O humor como ferramenta de denuncia da invisibilidade fai de Bravas unha obra de especial relevancia. Un espectáculo que quere rachar co silencio e que teñamos en conta na actualidade que chegamos ata aquí grazas ao traballo pioneiro e duro de mulleres como Exeria, María Castaña, María Soliña, María Pita, Rosalía de Castro ou outras moitas anónimas, como as cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Coruña que levaron a cabo a primeira folga feminina; cómpre defender o valor de todas elas incorporándoas como patrimonio das loitas presentes.
Ao mesmo tempo que visibiliza a estas mulleres a obra mergulla o alumnado nas principais etapas da nosa historia ata chegar aos nosos días e máis aló, xa que Isabel Risco realiza un interesante salto cara ao futuro dende o que podemos percibir a crítica sobre a nosa sociedade actual. Unha espléndida proposta para seguir conmemorando o Día Internacional da Muller neste mes de marzo.