Marcos Mariño dálle vida ao guerreiro Brandomil nunha exhibición de talla de madeira con motoserra

O guerreiro Brandomil, do que fala Eduardo Pondal na súa obra Queixumes dos Pinos, será o protagonista da exhibición que nos fará o recoñecido escultor da madeira Marcos Mariño a vindeira semana na área recreativa de Brandomil.

Durante estes días, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, poderemos admirar en vivo e en directo a destreza de Marcos Mariño coa súa motoserra e que dará como resultudo unha escultura en madeira de grandes dimensións do guerreiro Brandomil.

Marcos Mariño é un referente na talla de madeira con motoserra. Participou en varios certames internacionais e é embaixador da marca Husqvarna. Esta non será a primeira vez que o escultor visita o noso municipio xa que fixo máis exhibicións en pasadas edicións da Festa da Carballeira de Zas.