Un documental sobre a contaminación abre a III edición dos Premios Fouciño

O festival de cinema de Baio comezou coa proxección dun documental sobre a contaminación O edificio do antigo cine Pomares de Baio acolleu onte o arranque da III edición dos Premios Fouciño (organizados polo concello de Zas) coa proxección do documental “Fóra”, dirixido e guionizado polo xornalista Rodrigo Cota. “Fóra” é un documental que se presentou en febreiro de 2018 e que recolle o rexeitamento ao complexo industrial de celulosas ENCE-ELNOSA asentado na ría de Pontevedra. O traballo dálle voz aos protagonistas que encabezaron a loita contra a papeleira desde as súas orixes ata a actualidade. Dálle voz aos colectivos pesqueiros, marisqueiros, conserveiros, bateeiros e do turismo que son os que sufriron e sofren de xeito directo o impacto ambiental da papeleira e que levan amosando a súa oposición desde os anos 60. Semana do audiovisual
Durante toda esta semana proxectaranse no local municipal do edificio Pomares de Baio documentais sobre distintas temáticas sociais Hoxe continúan as proxeccións no edificio Pomares de Baio. Será o turno de "Costa da Morte", producida por Zeitum Films e dirixirida por Lois Patiño. Nela nárrase a interacción entre a paisaxe, o clima e os habitantes da Costa da Morte. Esta película-documental obtivo varios premios en numerosos festivais, como o de Locarno, e presentouse en festivais de todo o mundo recollendo tamén galardóns en Chile, Corea do Sur, México, Filipinas e Arxentina, entre outros. En 2014 levou un premio FEROZ, un Mestre Mateo ao mellor documental e foi premio da Crítica en España. A proxección de Costa da Morte comeza ás 21:30 horas e a entrada é de balde. Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).