O Concello de Zas está a preparar a súa Semana Cultural, que se desenvolverá entre o 31 de xullo e o 7 de agosto. Trátase de sete días cargados de quefaceres, como actuacións de música e baile tradicionais, exposicións, obradoiros para os rapaces e as rapazas, teatro, títeres, monólogos ou maxia. O cumio desta semana cultural será o sábado 6 de agosto, coa celebración da XXVIII edición da Festa da Carballeira.
O domingo 31 de xullo desenvolverase o acto de inauguración con música e baile tradicionais a cargo da A.C. Adro de Baio e a A.C. Castro Meda de Zas. Despois abriranse varias exposicións, entre as que salienta unha co título 28 anos de Carballeira.
O luns 1 desenvolverase a partir das 10:00h un obradoiro de “Stop Motion”, no que aprender a facer unha película. A actividade está recomendada para maiores de 7 anos e é necesaria a inscrición. Ás 16:00h será a quenda para manualidades infantís (de 5 a 10 anos) previa inscrición. Xa pola tardiña, karaoke en galego e teatro
Na xornada do martes 2 haberá teatro pola mañá. Pola tarde celebrarase a III edición do Concurso de Pinchos, e xa para pechar, música tradicional dende as 20:30h coa Asociación A Fonte de Fornelos.
O mércores 3 contarán con títeres matinais, manualidades na sobremesa, maxia á tarde e un monólogo pola noite. Será Evaristo Calvo con O turista madrileño. Os obradoiros e as manualidades continuarán ao longo da semana
Carballeira
Pero o plato forte será o sábado 6 de agosto, co desenvolvemento da XXVIII edición da Festa da Carballeira de Zas. Este ano actuarán dende as 18:00h a Asociación Cultural Castro Meda de Zas, o Grupo Folclórico Palacio do Rei de Lugo, e a Banda de Gaitas Inllar de Ponteceso.
Xa ás 21:00h será a quenda para Muxarega de As Pontes, Coanhadeira de Ourense, Korrontzi dende terras éuscaras, Four Man & Dog dende Irlanda e Festicultores Troupe.
Para máis información debemos dirixirnos ao Concello de Zas, no teléfono 981751398.