xoves. 01.05.2025
El tiempo

Folk e Festa para a Carballeira de Zas

Folk e Festa para a Carballeira de Zas

Xa está en marcha a XXVIII Festa da Carballeira de Zas. A Axenda Sonora da Costa da Morte prepárase para a súa cita máis lonxeva e unhas das máis festexeiras. Con 28 anos de experiencia a Carballeira de Velar preséntase como o escenario máis importante de toda a península cando falamos en clave de folk. Este 2011, a cita celebrarase o sábado 6 de agosto.

A pureza do estilo do Festival manteno como referencia. Pero coma sempre, e tras empezar nun ton máis tradicional, a música irán collendo tintes festexeiros pola noite, con mesturas de sons, para acabar este ano, a golpe do ventos dos incombustibles Festicoultores Troupe.

Este ano a banda máis forte chega dende Irlanda. E se ben podería ter sido algunha que outra "banda con máis nome", como nos conta Lupe Nieto, unha das organizadoras da A.C. Castro Meda de Zas, "4 men and a dog cumpren todo o que buscamos, porque ademais de ser puro folk, traen moita festa". I é que moitas das grandes lendas do folk internacional (se é que algunha queda sen pasar pola Carballeira) xa están entradas en anos...

Coma sempre, estará aberta a Exposición "XXVIII Carballeira, do 31 de xullo ó 7 de agosto", no Centro de usos múltiples do Concello de Zas. E a entrada custará 5€, pero conta co fantástico e típico agasallo de CD conmemorativo do festival con 2 cancións de cada grupo.

A tradición invade a tarde

Coma sempre, a festa comeza pola tarde, a partir das 17:00h cun ton máis tradicional. E dende a organización da A.C. Castro Meda, sempre buscan traer un grupo de Costa da Morte, e un de fóra. Este ano, trala apertura da man do propio Grupo de Baile da Asociación Castro Meda de Zas, actuarán o Grupo de Folclore Palacio do Rei de Lugo e a Banda de Gaitas Inllar de Ponteceso, que xa contan cun cd editado.

Pola noite, e partir das 22:00h, chega o Festival coas seguintes bandas:

A Festa da noite

Coanhadeira

Dende Ourense, e con moita festa chega Coanhadeira. Acordeón, vento e moita troula para abrir unha noite de marcha.

Muxarega

Chegados dende as Pontes, amosan unha visión tradicional introducindo guitarras e acordeóns na procura de novos sons.

Korrontzi

Banda euskalduna polos 4 costados, que nos fará lembrar a inolvidable actuación de Kepa Junquera do ano pasado.

4 men and a dog

Chegan directamente dende Irlanda a Zas sendo a banda máis potente do Festival, con clara intención de fusión. Chegan a mesturar o folk con detalles máis pegados ao rap, rock, jazz, blues, polka, country swing, e ata salsa.

Festicoultores Troupe

Que mellor que os bravos Festcultores para pechar a festa. I é que precisamente eles chámanse así mesmos Cultivadores de Festas. Un exemplo é o seu apradiñamento dos franceses que fixeron tremer aos irmandiños no Asalto 2011.
Os organizadores do Festival de Allariz Reperkusión disfrutan máis co rollo pasarrúas que cun concerto dos de sempre. Así e todo a festa está garantida.

Máis información

Novas relacionadas

Novas festivaleiras

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios