O Concello de Zas presentou nas últimas horas a terceira edición do Concurso de Pinchos, que se enmarca dentro das actividades da Semana Cultural 2011. O evento nacía alá polo ano 2009, coa intención de impulsar os pinchos saudables nos bares e restaurantes de Zas. Ao longo da tarde do 2 de agosto, os establecementos exporán e convidarán a degustar as súas creacións no Centro Sociocultural de Zas. Posteriormente, os pinchos serán avaliados por un xurado, que premiará dous pinchos diferentes nas categorías de tradicional e innovador.
Con esta cita, o Concello pretende dar a coñecer os bares e restaurantes do municipio e os arredores, ademáis de apostar pola calidade no sector e os alimentos saudables. Poden participar todos aqueles establecementos de hostalería do termo municipal zaense e dos concellos limítrofes. Para inscribirse, hai que dirixirse ao Centro Sociocultural de Zas ou Baio, con data límite no vindeiro venres, 29 de xullo de 2011.
O xurado valorará en cada pincho a presentación, o sabor, o saudable da vianda, e o emprego de productos típicos galegos. Para máis información están habilitados os teléfonos do Centro Sociocultural de Zas, 981 751 398, ou do Centro Sociocultural de Baio 981 718 056.