As cartas do avó Pascasio: Aprender dos erros

Moi querida neta Cristina:

Vólvoche a escribir en referencia ao Centro Galego de Bos Aires. Quedáronnos unha serie de incógnitas no tinteiro que é necesario despexar antes do cesamento da intervención xudicial. Aos avós galegos tennos especialmente preocupados o que chamamos "o día logo da intervención". Esperamos ilusionados o retorno ao seu despacho de dona Marta. É o que corresponde pero non para seguir coma se non pasase nada. Na primeira reunión que convoque dará lectura a un breve texto informativo coas bases dun proxecto de futuro para a institución asegurando que non está lendo ningunha ficción ou fantasía porque previamente foi consensuado coas partes implicadas: asociados, autoridades e empregados. Ao terminar de ler expresará sen reviravoltas que chegou o momento de que novos tripulantes se fagan cargo da nave social. Serán elixidos por medio das furnas nas eleccións previstas para finais de novembro ou principios de decembro de 2013.

Na última reunión da "Comisión de Seguimento" debateuse sobre o retorno á esquina de Belgrano e Pasco. Os diferentes oradores revisaron en detalle as actuacións das directivas que se sucederon durante os últimos 50 anos. A súa conclusión máis relevante é unha recomendación: a xestión deberá adaptarse e axustarse como unha peza máis dentro do actual sistema nacional arxentino de saúde. Dóelles moito que se perda a nosa credibilidade xa que se en algo destacamos foi en ser grandes laburadores. Os que interviñeron pediron perdón polo fallo dos descendentes pero fan constar que un punto negativo en máis de 100 anos achegando riqueza ao patrimonio común dos arxentinos non pode borrar ou escurecer un pasado de exitosa sementa de solidariedade.

Resúltame moi grato o facerche unha especie de resumo do que dixo na reunión o meu vello amigo Prada Chamocín. As súas suaves palabras animaron a reunión ao pór sobre o tapete a súa idea de impulsar unha reforma estatutaria que permita a escisión ou separación do actual Centro Galego en dúas asociacións ou fundacións independentes. O bo de Rodolfo dous Pearessabe do que fala. Sufriu en carne propia no Instituto Arxentino de Cultura Galega a case constante ausencia de fondos para actividades culturais. A súa nobre personalidade fíxolle merecedor dunha íntima amizade con Afonso Rodríguez Castelao. Creo, Cristina, que se hacés un pouco de memoria acordarasche dunhas pastillas para a tose [Doutor Andreu] que tomabas cando ías á escola. Estounas vendo nas súas lindas caixiñas de chapa. O amigo Prada era o xerente xeral para América do Sur do laboratorio catalán que as fabricaba.

Na súa longa intervención foi debullando historias moi emotivas pero me quedei cunha frase: "Dos erros, hai que aprender". Na súa didáctica exposición aferrouse á convición de que o Centro Galego terá un camiño de futuro se nós ---os que nacemos en Galicia--- asumimos con humildade que desapareceu aquel nostalgioso sentimento emigrante do século pasado. Agora son os nosos familiares, cidadáns arxentinos, os encargados de loitar polo que é seu. Nós cumprimos ao deixarlle á súa disposición un valioso ben inmoble. Gustoume cando Prada utilizou o fútbol dos domingos para reflexionar: "Os goles na cancha poden ser de Boca, Independente, San Lorenzo, Racing ou River pero sempre haberá un que levará na súa xenética a alegría ou a pena dun herdeiro das raíces galegas".


Bueno, non quero abusar do teu tempo, imos entón á proposta concreta do meu amigo Prada. Trátase de crear dúas entidades asociativas, cada unha cos seus estatutos, personería xurídica e patrimonio. A modo aproximativo propón as seguintes denominacións oficiais: a) Hospital Galego de Bos Aires; b) Instituto Arxentino de Cultura Galega. No Hospital inclúese o Panteón Social situado no cemiterio da Chacarita e no Instituto o Teatro Castelao. Ao terminar de falar pediunos que mirásemos para a esquina porteña dos nosos amores. Cando comprobou que tiñamos concentrada a visión, sinalizou cun potente punteiro láser as tres entradas independentes para o acceso ao Hospital, Instituto e Teatro. Dixo ademais que é unha moi bo sinal que o edificio permita a división sen ter que realizar unha custosa obra de reforma.

Despídome. Fágoche chegar un abrazo do avó que non che esquece.

  • Pascasio Fernández Gómez.


  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).