As cartas do Avó Pascasio: Lembras a Burgueño?

Moi querida neta Cristina:

Non quero aburrirche co tema do Centro Galego de Bos Aires pero teño que insistir porque a miña preocupación segue vixente. Antonte, na misa polos falecidos no tráxico accidente de tren na nosa capital de Galicia, entregoume unha nota de prensa dun diario de Madrid un vello amigo que foi directivo do Centro Galego. Non che digo o nome para protexer a súa identidade porque era integrante dunha das Agrupaciones Prol Centro Galego que lle fixeron a vida imposible ao ex presidente Vello. Agora mesmo o Centro Galego vai tirando grazas ás axudas contantes e sonantes dos ministerios de Desenvolvemento Social e de Traballo pero a inquietude dos avós céntrase no día despois ao cese da Intervención.

Mira, Cristina, acá arriba démoslle voltas aos sucesivos erros que levaron ao Centro Galego ao bordo da súa desaparición e somos vellos pero si mascamos vidro non dicimos que é doce de leite, me entendés? Nas reunións escoitamos voces autorizadas de ex directivos que coñecen o tece e manexe dunha mutualista de asistencia médica fundada por emigrantes. Están todos moi amargados porque pensan que non se debeu de chegar ao bordo do abismo. A súa decepción levounos a decidir presentarse en Madrid na causa xudicial na que está citado a declarar o actual director xeral de Hospitais da Comunidade de Madrid. Lembras Burgueño? O funcionario que agora anda metido na privatización de media ducia de hospitais madrileños antes foi o capo administrativo do Centro Galego.

Tes que entender que os avós non podemos quedarnos de brazos cruzados. Imos acudir como acusación particular en representación da Asemblea Celestial da Emigración Riopratense. Queremos que Juan Antonio Burgueño explique diante do señor xuíz cal foi exactamente o seu labor ---si é que tivo algunha--- durante os anos en que foi o máximo responsable da xestión médico-hospitalaria na nosa esquina de Belgrano e Pasco. Non sabemos o que fixo pero o que está fóra de dúbida é que non era a persoa adecuada para gestionar unha entidade que é propiedade dos socios. É ben sabido que Burgueño non cre no sistema asociativo que elixe ás súas autoridades nas urnas. Por iso resulta curioso que fose contratado xa que supoñemos viña poñer orde e rigor na sección asistencial do Centro Galego.

Se cadra Burgueño se sincera diante do xuíz e declara que veu a Bos Aires para pechar o Centro Galego. Si é así, non enganou a ninguén. Ao contrario, cumpriu o encargo ao abrir o camiño a unha privatización encuberta como foi aquela cagada da Fundación Galicia Saúde. Os avós desexamos saber a verdade aínda que non temos moitas esperanzas porque cando hai tanta guita en xogo non é fácil delimitar culpabilidades. Si confírmase que o trouxeron a Bos Aires pola súa recoñecida profesionalidad en desvestir servizos públicos ou mutualistas haberá que apuntar en dirección aos cerebros locais da trama coimera que se compinchaba coas obras sociais dos sindicatos. Sería moi triste o ter que recoñecer diante dos cidadáns galegos que as súas axudas non foron para os emigrantes nin tampouco para manter os servizos no Centro Galego.

Os avós non somos parvos. Estamos lonxe pero seguimos conservando unha visión excelente que se guía polos latexados do vello corazón de galegos honrados. Percibimos que se quere estender un manto de esquecemento sobre os máis ou menos 10 anos nos que os presidentes do Centro Galego eran pouco máis que "floreros". O poder residía na Fundación Galicia Saúde. Alguén terá que explicar a razón de asinar un convenio que non favorecía ao Centro Galego. Ninguén quere falar de que as axudas ían á Fundación que era a que manexaba os fondos ao seu antojo sen que o presidente do Centro Galego tivese ningún control sobre eles. Aquela metida de pata ou de gamba soamente serviu para darlle laburo a unha cantidade de persoas que cobraban sen ter tarefa encomendada.

Neste erro colectivo houbo unha persoa que se desmarcou. Foi contracorriente. Non asinou o convenio. Estamos falando do primeiro presidente do Centro Galego non nacido en Galicia, Juan Manuel Pérez. É unha persoa seria que se gañou o respecto por unha traxectoria impecable de cumprimento do deber patriótico de promover a cultura galega á vez que se melloran os servizos médicos. Ademais de non asinar tamén renunciou ao cargo de Delegado da Xunta de Galicia en Arxentina que lle foi confiado polo presidente Fraga. A súa ética actitude foi silenciada. Estivo varios anos calado ata que sae nuevamente á palestra para apoiar ao presidente Vello mediante os membros electos do seu agrupación na directiva do Centro Galego. É un fillo de emigrantes ao que apreciamos moito e facémoslle chegar un aplauso unánime de todos os avós.

Téñome que despedir. Dentro dun ratito teño unha reunión sobre o funcionamento dos trens de alta velocidade [AVE-ALVIA] en Galicia. Fágoche chegar os meus desexos de moita saúde. Recibe unha aperta do "viejo roble" [nós chamámoslle carballos] da miña aldea de Mazaeda.

  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).