Crónica dunha morte anunciada

Miles de trasnos camiñan con ledicia, en longas procesións, polos sendeiros e areais da nosa costa verdescente, mostrándolle ó mundo enteiro a beleza desta rexión… tan salvaxe como fermosa.

Mentres un exército de sendeiristas acomete unha das máis interesantes aventuras que tivemos a sorte de vivir ou presenciar nos últimos anos… no noso recuncho atlántico nacen iniciativas impresionantes coma a dos Traskis ou aquela de Mar de Fábula, que cun grupo de voluntarios retiran os refugallos nas rodelas das praias e areais da Costa da Morte para sacar do mar plásticos e porquerías varias. Despoxos que dañan o medio ambente pero tamén fan ferida no aspecto dos nosos litorais e deberiamos pensar detidamente neste pequeno detalle. De que nos serve impresionar o planeta enteiro coa fermosura das imaxes que difunden persoeiros notables para Soneira e Bergantiños, Tania Carreira Rial de Zas, ou moitos outros embaixadores dixitais do noso eido, Marcos Rodríguez, o super-fotógrado de Carballo (finalista nun premio de fotografía a nivel mundial), tamén aquela foto de Pedra Vixia (Baio) que será parte dun video clip en Eurovisión 2015, e outros veciños espallados polo globo terráqueo que difunden con agarimo a feiticeira beleza do noso paraiso verde e azul… de que nos serve?

De que nos serve?… cando os turistas chegan aquí o importante é que lles guste e por suposto, que regresen. Como van regresar se temos moitas áreas recreativas, paseos, carreteras, pistas, zonas sen accesos, e toda clase de instalacións podres ou nun estado similar o que podemos observar nalgún país africano. Ademais o lixo é para tirar no caldeiro do lixo, non é tan dificil de entender! Pero algún homo sapiens quedou atrás na evolución e moitos animais, como o golfiño ou o elefante, superan claramente xa as súas capacidades mentais e os seus valores colectivos… esta deficiencia mental grave é causa i efecto de moitos males que sufrimos dende fai xa demasiado tempo. Posiblemente sexa un trastorno dexenerativo incurable.

Todas estas iniciativas teñen que ir da man unhas das outras, camiñar está ben, difundir… mellor ainda, pero… limpar o noso litoral, mantelo coidado e decente… iso é responsabilidade de todos, de cada un de nós, porque ista é a nosa casa común e non existe ningún plan B. Sen os alicerces básicos que sosteñen a economía dunha sociedade e sen os valores precisos para o desenrolo da mesma… só nos queda ollar esta longa agonía como unha especie de crónica lóxica do que aínda esta por vir e aínda non chegou… alea iacta est.

  • Óscar de Souto, pintor de follas en branco e autor de Trece Poemas.

Outros artigos de Óscar de Souto

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
.