Máquina de vapor de Watt

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Máquina de vapor de Watt

  • Inventor: James Watt (1736 - 1819)
  • Fabricante: G. Fontaine (París)
  • Cronoloxía: 1890 - 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Calor e Traballo

Descrición e funcionamento

Sobre unha base rectangular de madeira vai montada a máquina de J. Watt, de condensación, con caldeira quentada ó vapor. A máquina componse de dúas partes diferenciadas: a caldeira na que se xera o vapor, e a máquina propiamente dita. A caldeira é vertical, metálica, de cor negra, alimentada con carbón e cunha alta chimenea. O vapor producido condúcese por un tubo cara o cilindro, no que o émbolo actúa sobre unha das extremidades do balancín que, por medio do outro extremo (mediante unha biela e unha manivela), comunica un movemento de rotación a unha árbore motora sobre a que van montados o gran volante e a excéntrica que move a corredeira de distribución por medio dunha panca acobadada.

O volante é un moderador que acumula á vez enerxía cinética, tendendo sempre a regularizar o movemento da máquina e evitando as paradas repentinas ou bruscos arranques.

As máquinas térmicas, como a de Watt, son os aparellos que desenvolven ou producen un traballo consumindo calor. Esta transformación consíguese por medio do vapor de auga (coma neste caso) ou dun gas calquera. O vapor producido nunha caldeira pasa a un cilindro onde traballa dilatándose e empuxando un émbolo, saíndo del para entrar no condensador, no que volve a tomar a temperatura inicial, e volvendo a entrar na caldeira despois de percorrer unha serie de transformacións periódicas que constitúen un ciclo pechado.

O inventor

James Watt ocupaba en 1769 unha praza de conservador das máquinas do Gabinete de Física da Universidade de Glasgow. Reparando un modelo antigo de máquina de vapor ocorréuselle mellorala pechando o corpo de bomba, ata aquela aberto, e construíndo unha máquina de simple efecto na que o vapor impelía o émbolo só nunha dirección. A súa maior fama acadouna cando inventou e aplicou a corredeira de distribución, que fai actuar o vapor alternativamente por arriba e por baixo do émbolo e facilítalle a saída ó exterior unha vez efectuado o traballo. Este é o fundamento da máquina de vapor chamada de dobre efecto.

A falsa idea de de considerar a Watt como o verdadeiro inventor da máquina de vapor débese ó gran número de aportacións que fixo para o seu desenvolvemento.
No 1785, James Watt foi nomeado membro da Royal Society de Londres, e no 1814 da Academia Francesa de Ciencias.

A máquina de vapor da Fundación formou parte da exposición “Xulio Verne. Unha viaxe pola Galicia extraordinaria”, organizada polo Museo do Mar de Vigo, celebrada no 2005-2006; mostra que ofrecía ós visitantes unha visión novedosa da historia galega de finais do século XIX a través do mundo idealizado por Verne na súa prolífica obra.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).