Notas sobre a poboación de Cee (ss. XVI-XX): 14. Cee no primeiro tercio do século XIX
07 de xuño de 2011 (10:05 h.)
Teremos que esperar case ata o final do Antigo Réxime para contar cun novo reconto de poboación. As causas xa as anticipamos con anterioridade polo que pasaremos a presentar de seguido as dúas fontes que podemos empregar neste momento, tan só separadas no tempo por dous anos; estamos a referirnos ó Diccionario de Sebastián Miñano, de dudoso valor demográfico como demostraremos, e a unha nova Visita Pastoral, neste caso correspondente ó ano 1828 (Arquivo Histórico Diocesano, Serie General, “Valor de curatos y rentas en 1828”. Vecindario, carpeta nº 1182). Vexamos os resultados:
Parroquia
Veciños 1826
Habit. 1826
Veciños 1828
Almas 1828
Habit. 1828
Ameixenda
50
184
34
150
180
Brens
84
308
73
324
389
Cee
303
1.150
297
800
960
Lires
119
591
87
227
272
Pereiriña
96
500
100
450
540
Toba
70
366
63
243
292
Total
722
3.099
654
2.194
2.633*
* Na columna de totais do ano 1828 engadimos un 20% como media correspondente á poboación de menos de 7 anos. Esta porcentaxe ten a súa explicación no Censo de 1860, onde a porcentaxe de nenos do concello de Cee situabase nun 20.5% aproximadamente para o tramo de idade ata os sete-oito anos.
As cifras totais de habitantes amosan uns resultados demasiado dispares, especialmente no caso de Lires, para un período de tempo separado tan só por dous anos. Témo-la impresión de que as cifras ofrecidas por Miñano están “infladas” e que as cifras da Visita Pastoral coa corrección da poboación infantil deben achegarse máis á realidade, xa que estas cifras encaixan con moita máis facilidade na propia evolución demográfica. Expliquemonos: se aceptamos como cifra válida os 3.099 habitantes que dá Miñano, teríase que dar desde 1786 un crecimento da poboación moi forte (un 37.5%). Se comparamos esta evolución coa que ofrecen os rexistros de bautizados pódese comprobar que hai crecemento pero non de tanta intensidade:
Parroquia
Media 1781-1800
Media 1801-1820
Ameixenda
8.0
8.2
Brens
9.5
13.0
Cee
30.8
33.1
Lires
9.4
11.7
Toba
10.8
10.6
Total
68.5
76.6
O crecemento que se obten é dun 11.8% (esto sen contar que os rexistros parroquiais non son perfectos e que sempre se producen omisións que poden variar entre un 3 e un 5%, polo que podería establecerse o crecemento neste período nunha cifra arredor do 15%), moi lonxe pois dese 37% de seguir a Miñano. Pola contra, os datos que nos obtemos a partir da Visita Pastoral de 1828 apuntan a un crecemento do 16.8% moito máis acorde, pois con todo o que acabamos de expoñer.
* Nota aclaratoria da imaxe: Sebastián de Miñano (1779-1845), foi escritor, xeógrafo, historiador e político afrancesado. Entre 1801-1804 asesorou ó cardeal Luis de Borbón na corte. Xa na Guerra de Independencia, aínda que nun primeiro momento acompañou ó xeneral Castaños, acabaría por recoñecer ó novo monarca, José I polo que trala caída deste tivo que emigrar a Francia. Voltaría a Madrid en 1816 deixándonos a súa visión sobre a situación política que lle tocou vivir nas obras Lamentos políticos de un pobrecito holgazán (1820), que, xunto con Historia de la revolución de España de 1820-1823 por un testigo ocular (1824), escrita en francés, e o seu Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal (1826-1829), constitúen o máis sobresaíente da súa obra.