O Día das Letras… sen letras

Nas nosas comarcas celebraron o “Día das letras galegas” na honra de quen determinou que un escritor de dereitas e pro-franquista fose o finado homenaxeado neste 2015, e decidírono asi só por amolar…. a quen lle amole. E foi un paupérrimo titular de prensa na “Coz de Malicia” , só por esta vez escrito en galego, só unha vez no ano, como único agasallo das altas esferas …. iso é como un desprezo comedido, argallado con moi pouca clase….., máis ben ningunha. Isto é algo somellante a festexar o día dos enamorados cun paseo de cinco minutos pola plaia e ser un maltratador agresivo o resto do ano, dame que ademáis, neste caso, atopei o exemplo perfecto.

O único concello que fixo os deberes foi o de Fisterra xa que Branca Vilela ainda argalla recitais de poesía e actos culturais dignos do día máis importante para os amantes do noso idioma e da nosa existencia por nacemento. Reunindo gran parte do vello batallón literario a gran homenaxe ás nosas letras foi ali, no fin do mundo, contando cos escritores vivos e coas verbas presentes como embaixadoras da Terra, do Mar e do Verso... Como ten que ser!

Nembargantes as grandes fundacións, con fondos dabondo, decidiron apostar este ano por paiasos, teatro, contos e todo tipo de funcións circenses contando con xente de fóra, previo pago, principalmente, e despreciaron os centos de escritores que temos na nosa rexión, foi un día das letras…  pero sen as letras.

Eu celebrei este gran día recitando nas terras do norte, no Cabo Prior, coa xente da vila de Covas como patróns do barco e contando con poetas vivos: Iolanda Teixeiro Rei (Ferrol), Miguel Melero (Culleredo),  e Mar Beres (Güitiríz)…. ademáis sen fondos e cunha soa bandeira, a nosa bandeira branca e azul, entre amigos fixemos unha foliada con versos e guitarra, ainda que o meu corazón estaba soñando con recitarlle o meu Pobo, na miña Patria, no meu eido, pero ninguén é profeta na súa terra mentres as nosas cousas máis importantes sigan nas máns de catro lampantíns, coma sempre.

  • Óscar de Souto, pintor de follas en branco e autor de Trece Poemas.

Outros artigos de Óscar de Souto

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
.