O peixe intelixente

En momentos nos que se aproximan as eleccións locais, reler a obra do economista máis prestixioso do municipalismo galego é sempre gratificante. Por iso recomendo calquera dos libros de Xaquín Álvarez Corbacho. Porque coñece os concellos dende perspectivas diversas. Como máximo dirixente municipal (foi o primeiro alcalde do Grove da democracia). Como investigador, divulgador e analista (foi profesor de Facenda Pública na USC e catedrático de Economía Aplicada na Universidade da Coruña). E como fiscalizador (foi designado conselleiro da área de Corporacións Locais, do Consello de Contas de Galicia, polo Parlamento galego). Actualmente está xubilado. Sen embargo, a súa capacidade de traballo é inesgotable e agora que a política municipal cobra particular relevancia (pola proximidade dos comicios), publica un novo ensaio que nos permite continuar aprendendo do seu maxisterio. Despois da Semana Santa, o venres día 10 de abril de 2015, no Restaurante O Castelo, de Muros, ás sete da tarde, presentará o seu último traballo: Educación democrática ou barbarie, onde analiza a vixente realidade dos concellos galegos. A crise demográfica, os problemas do financiamento, as vellas políticas das deputacións, as miserias que xorden cando o urbanismo non está, o desprezo a educación democrática, a necesidade dun control institucional liberado e as urxencias dunha nova planta municipal, son problemas que, segundo este autor, estamos a sufrir con silencio excesivo e sen saber ate cando. Con todo, “os concellos abrirán camiño”, como ben sinala o peixe intelixente que ilustra a portada do libro, porque non hai mellor escola para aprender a convivir en democracia. Contar coa presenza en Muros, deste home irrepetible, servirá para que a súa formada opinión proporcione valiosos consellos. Por certo, díxome que estamos todos convidados.
  • Domingo Guerra (domingoguerra@quepasanacosta.gal). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).