Que está acontecendo nos Centros Educativos?

Galiza, ese país cheo de fauna mitolóxica, no que pediatras e mestres semellan seres lendarios, criaturas fantásticas tiradas dun saudoso inconsciente colectivo.

Este curso comezou no ambiente docente coa nova da redución de dúas horas lectivas para o profesorado a raíz da aplicación do convenio asinado entre a Consellería de Educación e varias organizacións sindicais o pasado mes de xaneiro.

Un logro histórico. Unha vella demanda, que se remonta á crise de 2010, que reduciu salarios e aumentou as horas lectivas entre outras bonanzas.

Imaxino que ninguén cuestionará que, nunha aula de educación infantil ou primaria, vinte e cinco horas de docencia semanais son un despropósito. Os mesmos períodos que pasan os alumnos na escola. Tecnicamente, estar todo o día na aula, sen descanso. E isto a cargo dun grupo de corpos e mentes por natureza inquedos e axitados.

A docencia é unha profesión que traballa con materia prima viva, con soños, futuros e ilusións. As condicións físicas, psicolóxicas e emocionais nas que o profesorado desenvolve as súas funcións inciden na calidade da educación.

Dito isto, a aplicación do convenio de redución do horario lectivo asinado entre a Consellería e os sindicatos tivo un forte impacto nos pequenos centros do rural galego.

En centros cunha dotación de persoal xa de por si reducida e que en moitos casos incumpría de partida os acordos dos  catálogos docentes, a non ampliación de persoal para compensar as horas lectivas perdidas afectará ás gardas; á apertura da biblioteca ou a medidas para atender á diversidade como os apoios na aula ou os desdobres de grupos. 

Non nos informaron no ruído mediático desde o apretón de mans que saldou o pacto de que sería a este prezo nun medio rural xa castigado en servizos e prestacións.

Por outra banda semella que os especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe foron varridos do mapa. A convocatoria dos programas PROA, que sufraga con fondos europeos postos de PT e AL adicionais para combatir o fracaso escolar, convírtese  nunha precarización da atención á diversidade e das condicións laborais destes especialistas que ven convertidas en prazas temporais dependentes de subvencións postos que deberían ter carácter estrutural. 

No fragor da confusión, entre os datos incertos dos medios, que amosan mobilizacións e actos de protesta en tódolos recunchos do país e o clamor das redes sociais, sen fontes fiables que poñan cifras ao asunto, sindicatos e Consellería van debullando argumentos como que as vinte e tres horas lectivas non poden supoñer impacto sobre uns catálogos de profesorado que están vixentes dende o 2.007 para xornadas de vinte e unha horas lectivas.

Os acordos de catálogos docentes son públicos e calquera pode consultalos e ver que non están pensados para a atención á diversidade, a parte do pequeno detalle de que nos centros pequenos do rural son frecuentes os incumprimentos e recortes. Para ter un PT de seu, un centro ha de ter catro unidades e superar as doce para que corresponda un AL ou para que o posto de orientación sexa de seu e non compartido entre varios centros.

En centros con equipos humanos reducidos a mínimos, sen especialistas para a atención á diversidade, como os de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, o alumnado do contorno rural  vive outra merma nos servizos e prestacións aos que ten acceso.

Son as protestas e mobilizacións que se alzan na Costa da Morte voces e historias que non interesa visibilizar nin a unha Consellería que quere cadrar cifras nin a uns sindicatos que se conforman co cumprimento formal dos acordos.

Mentres tanto, as nosas AMPAS e outras moitas de toda a xeografía rural galega, siguen en pé de guerra con reivindicacións, mobilizacións, concentracións ou folgas para pedir uns recursos humanos minimamente dignos nas súas escolas, esixindo un modelo de ensino en condicións de igualdade e equidade para todo o alumnado, incluído o alumnado máis vulnerable, especialmente o do rural e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Outros artigos de Ester Vázquez Blanco