Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Tocan tempos de repensar o deteito á educación

Tocan tempos de repensar o deteito á educación

O dereito á educación está recollido no artigo 26 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que aínda que non é legalmente vinculante como tal, sirve de punto de partida para os documentos lexislativos que sí crean obrigas para os gobernos.

No desenvolvemento deste dereito destaca a importancia de garantir que as institucións e programas educativos sexan accesibles a todos, especialmente aos grupos vulnerables, sen discriminación por ningún motivo. 

Isto significa que as institucións de goberno teñen a obriga legal de tomar medidas activas para a plena realización do dereito á educación. Os poderes públicos están obrigados a que a educación obrigatoria sexa accesible para todos e o sexa nunhas condicións de dignidade e calidade. Os gobernos deben aplicar estas obrigas fundamentais, por enriba de outras prioridades, independentemente do seu nivel de riqueza ou desenvolvemento.

Un goberno que tome en serio un enfoque educativo baseado nos dereitos humanos non pode reducir drasticamente os recursos humanos dedicados ao ensino ata o punto de impedir dar cumprimento ao mandato indiscutible de un ensino digno e de calidade ou da atención á diversidade e a inclusión como eixes vertebradores do proceso educativo.

Articular o dereito á educación non é facer cadrar números, senón ter presente que manexamos un ámbito de vital importancia para todos os membros da sociedade e para as xeracións vindeiras. 

O actual recorte de medios agrava unha situación xa preocupante que afecta ao sistema educativo galego no seu conxunto, e priva aos máis vulnerables, como o alumnado do medio rural, dunha educación digna e de calidade. En lugar de centrarse nunha concepción formal e estreita da educación, reducida a contas e resultados económicos, deberían garantir que se protexa o benestar do alumnado, especialmente do máis vulnerable e que non se vexa perturbada a súa aprendizaxe.

Na concentración convocada onte, 26 de setembro, pola ANPA do CEIP de O Pindo como expresión de repulsa aos drásticos recortes vividos no centro, abundaban as pancartas que nos recordaban ese axioma básico da educación como dereito e non como privilexio.  A modo de peche, un breve recordatorio do que significa a educación como dereito e non como privilexio:

A educación como dereito humano significa que:

- O dereito á educación está garantido legalmente para todos sen discriminación ningunha.

- Os gobernos teñen a obriga de protexer, respectar e cumprir o dereito á educación.

- Os poderes públicos son responsables das violacións ou privacións do dereito á educación cometidas no exercicio do seu mandato.

  • Ester Vázquez Blanco. Orientadora dos CEIP de Carnota e O Pindo.

 

Máis novas sobre os recortes

Comentarios