mércores. 30.04.2025
El tiempo

Moldeando o futuro

Moldeando o futuro

As nosas decisións parentais de hoxe moldean a vida dos nosos fillos no futuro. Unha premisa que as familias do CEIP de O Pindo e outras asociacións de nais e pais da Costa da Morte teñen claro. Para que a escolaridade obrigatoria sexa garante do dereito á educación, han de darse as condicións físicas, humanas e materiais que permitan un ensino digno e de calidade. 

Xustamente dende esa conciencia de que as nosas opcións orientan a vida dos nosos fillos, estes colectivos de familias son quen de articular unha difícil resposta colectiva; conxugar unha voz en primeira persoa do plural para dicir "basta!"; guiar e modelar unha preocupación unitaria, un desexo de xustiza colectivo.

No Pindo, un grupo de nais, pais, avós, avoas foron exemplo vivo de como a veces compre levantarse contra prácticas inxustas como o desmantelamento dos recursos humanos de un centro educativo e dar voz aos máis vulnerables, falar polos sen voz, como o compañeiro que precisa o acompañamento dun coidador.

A priori parece que non é complicado. Criar un fillo con mentalidade de xustiza non semella moi diferente a criar un neno que valore o fútbol, o atletismo, ou mesmo a ciencia ou a arte.

O problema é que a sociedade valora aos deportistas e, noutra medida, tamén os científicos e aos artistas. Entréganse trofeos e recoñecementos a deportistas, a académicos e a artistas.

As nosas escolas ofrecen clases e extraescolares de todas estas cousas. Pero rara é a comunidade que defende a xustiza.

Somos nós, familias (e docentes), os que debemos tomar a decisión consciente da crianza de nenos con mente de xustiza e encargarnos de lograr ese obxectivo que a sociedade non moldeará de seu. Renunciar aos nosos privilexios polos dereitos dos demais é unha mentalidade contracultural. Non se atopará se non se busca e constrúe deliberadamente. 

Os nosos fillos están mirando con expectación as nosas vidas. E as nosas accións falan mil veces máis que as nosas palabras. Se os nosos fillos non nos ven como modelo de preocupación pola xustiza social, tampouco terá cabida para eles. Grande o ronsel que deixa O Rabecho.

Outros artigos de Ester Vázquez Blanco

 

Outras novas sobre os recortes

Comentarios