A dignidade da miña fala
Teño 46 anos, nacín na Costa da Morte, concretamente no inicio desta, na Laracha. Comecei aprender o castelán aos catro anos cando comecei na escola.
Na miña casa e na miña contorna o galego era a lingua de todas as persoas menos daquelas que viñan de fóra, coma os Garda Civís. De feito na miña familia aínda hai persoas que non saben falar o castelán, coma meu pai, que nen sequera é tan vello. O castelán era a veces na casa motivo de mofa, coma con aquelas persoas que, porque estudaran ou porque se mudaran á cidade, comezaban a falalo. Os comentarios eran facendo risa coma que esqueceran onde naceran e sobre por que lle falaban agora castelán a persoas coas que medraran brincando en galego.
A miña consciencia do problema coa lingua é relativamente recente pois sempre vivín en galego, e aínda co estigma e con esas correccións desde ben pequena, cos avisos sobre os meus trazos dialectais na adolescencia, cando un novo exército de docentes nos avisaban que iso non era correcto.
Tampouco me preocupou moito a situación do galego e, con todo, sempre souben que a miña fala era defectuosa ou pouco válida. Un sentimento curioso de estar falando perfectamente, pois por aquí toda a xente falaba coma min, e ao tempo a sensación de non falar ben, pois aló onde fose causaba certa extrañeza e sempre se me correxía. Mais sempre fun entendida e iso bastoume.
Cos datos recentemente publicados sobre a perda de falantes, máis unha vez, ábrese o debate de quen fala mellor, e esa constante discusión sobre galego de aldea-galego académico. Máis unha vez caio na conta de que me sinto ofendida, sinto un ataque á miña fala propia. Non de balde, pois coma persoa polémica que acostumo ser, manifesteime é, lóxico, recibir ataques.
Comezo a ver como as redes estoupan novamente con mensaxes coma que non debemos usar vídeos de vellas para representar o bo galego, isto lévame a lembrar que eu sempre me sentín correxida, aínda me pasa. Corrixínme moitas veces e nunca é suficiente. É coma se cando falaba coma esas vellas falase mal e cando mudei tamén o fisexe mal. Atopo en Twitter alguén que di que enfatizamos os rasgos dialectais, síntome aludida, non dou creto a tanto, esa nena que tivo que aprender castelán porque a escola o esixía volve
sentirse atacada polo seu falar. Castelánfalantes e Galegofalantes, unhas e outras persoas sempre atacan a miña fala, non a miña lingua pero si o modo no que a uso.
En Youtube un coñecido influínte do panorama do País sube un vídeo curto onde di algo coma que se morre a lingua eles, os neofalantes, pasarán a ser pezas de museo. O meu sentimento nese momento é o de que eu xa son esa peza de museo, esa señora que cando fala só dá para admirar ou criticar os seus trazos dialectais e a súa prosodia tan propia doutro tempo que ata se atreven a chamarlle impostada.
Daquela confirmo que aquelo que dixen e que desatou polémica é certo, e se ben habería que matizar moitas cousas, a defensa actual da lingua deixa moito que desexar, non é nada auténtica.
Ese auto odio daqueles que mudaban ao castelán por ser a lingua de prestixio, segue vivo en quen quere falar galego pero que aquelas persoas que o falamos sempre, que incluso o fomos mudando porque nunca era de todo correcto, que aínda nesas mudanzas non acertamos a falar dun xeito onde se nos recoñeza e se recoñeza ás nosas familias, as que nunca mudaron, as que nos falaron galego e nos mandaron á escola sen saber expresarnos en castelán, deixando que esa escola fixese o seu pero sen colaborar elas.
Procedo a retirar da rede o contido que está na miña man retirar nun acto simbólico só para min, o de protexer o xeito no que falo, o que me aprenderon, xa non o idioma, se non a fala propia, con todos eses erros e defectos que sempre se me corrixen pero que é miña, vive en min, a herdanza da miña familia, retiro a miña fala por min e polas miñas ancestras, pola nosa dignidade.
Coma quen protexer unha crianza da mofa do resto retiro a miña fala, nun acto simbólico comigo mesma, para acubillala en min.
- Eva Patiño
Máis novas