Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Eva Patiño: "Ata me gusta xa este papel da “Desprezada de Carballo”, dáme xogo"

Eva Patinho
O famoso icono de Eva Patinho
Eva Patiño: "Ata me gusta xa este papel da “Desprezada de Carballo”, dáme xogo"

Este ano tampouco foi invitada ao Carballo Interplay, malia ser unha das youtubers máis antigas que coñece a comarca de Bergantiños. Esta carballesa da Laracha leva varios meses sen encher a súa canle de Youtube, porque vén de ser subcontratada para dinamizar o Twicht dunha das canles máis activas dar rede galega: a Lobeira Today! co #PatinhoenTwicht.

Segue activísima, iso si, no seu twitter @eva_Patinho, onde os seus máis de 2.300 disfrutan da súa naturalidade.

Botamos algo de menos aqueles tempos das “Pailanas Berghantiñanas” con Lupe Blanco, e aquelas reflexións sobre o autoodio, pero esperamos que sexan unha parella de baile que volvan facernos rir.

 
  • QPC: Levas sumerxida na rede, vinculada profesionalmente ás novas tecnoloxías, dende comezos de século. Como eran aqueles tempos da prehistoria da rede?

Levo, si. Xa mentras estudaba traballei un verán nunha empresa que posicionaba webs, a prehistoria totalmente porque había que ler a web, que non distaban moito dun documento de texto colgado online, seleccionar as palabras clave desta, coas que a xente atoparía a web, e facer un resumo que sería o que sairía en Altavista, non existía nin o Yahoo.

No 2004 entrei nunha empresa na que me adicaba a vender webs, tendas online, campañas de Google e publicidade nos portais, aí dei de fronte coa forza da rede, e gustoume.
Naquel tempo visitei todos os hoteis, casas rurais e restaurantes da zona, non tiñan web, a venda difícil non era porque xa todos entendían a necesidade de ter presenza en internet e na maioría dos casos era a súa primera web. Contra a venda máis sinxela topabas co de formar á xente para manexar aquelas ferramentes totalmente descoñecidas para elas, desde preparar e subir una foto á web a instalar e manexar o correo electrónico. Lembro unha pregunta recurrente da clientela: “E a páxina web onde vai estar?”, e eu explicáballes que nun servidor e o funcionamento destes. A xente non entedía eso tan abstracto que é a rede e a min encantábame poñerlle palabras sinxelas a todo aquelo para facelo comprensible para eles.

 
  • QPC: Xa promocionabas a Costa da Morte en blogs, foros… antes mesmo das redes sociais…

Precisamente como traballaba con establecementos hoteleiros e de restauración da Costa da Morte, nos foros nos que participaba sempre pasaba polo apartado de viaxes, a parte era una grande viaxeira e participaba en foros específicos de viaxes, e alí onde vía que alguén preguntaba por Galiza ía eu responder e poñer todos os enlaces aos establecementos dos meus clientes, claro. En realidade xa eran redes sociais, algo rudimentarias pero eramos comunidades de xente que tiñamos cousas en común e as compartíamos.
Tiven daquela o meu primeiro blog que xa tiña o “Patinho Style” ese de falar de cousas variadas, daquelas parecíame mal non ser capaz de darlle ao blog una única liña, acabei por eliminalo.

 
  • QPC: E cando apareceron as redes sociais, avanti, non? Como empezaches?

Recordo cando entrei no Facebook, comecei amodo e fun con xeito, cos medos típicos que nos infundían sobre este tipo de redes.
Que tempos! Había que esperar a abrir o ordenador e descagar as fotos, algo impensable hoxe, que se fas una foto do solpor xa caduca á media hora se se fixo de noite, todo é inmediato e só ten sentido dese xeito.
Logo creei un blog, porque o Facebook permitíame meterllo polos ollos á xente e eso parecíame una marabilla comparado co de facía anos. Agora todos estaban nunha rede e eu podía ir co meu enlace sen esperar que eles chegasen ao blog.

Dalgún xeito eu sempre tiven a necesidade de amosar e amosarme, de contar, de transmitir... Regaláranme una máquina de coser e esa foi a temática principal daquel blog pero co seu rollo “random” igual.

Unha persoa coma min, activa a todos os niveis, na casa con dúas cativas, algo tiña que facer. Unha vez describín todo aquelo, os foros (aínda), o Facebook e o blog, o Twitter no que entrei en 2011, coma a miña fiestra para saír ao mundo, como digo con dúas cativas a sensación de encerro a veces era grande, pero eu tiña as miñas fiestras e ao outro lado había xente a que lle interesaba todo aquelo que facía. A marabilla das redes socias dixitais, xente conectada, atopas quen, quen pense coma ti, quen guste do que fas, quen fai o mesmo e quere compartilo contigo.
Nos últimos anos xa co Twitter a tope, síntome moi cómoda nesa rede, acollida, querida e admirada, e estou en contacto con xente pola que sinto o mesmo.

 
  • QPC: Entón… como é que non che dan invitado ao Interplay?

Esa é a pregunta do millón, non se entende (hahaha).
O certo é que aquel video que subín, no momento foi moi divertido, rin moito, e como ben digo no video: a min aquelo non me pareciu mal… nin ben. Por suposto había un fondo de crítica máis aló de que me chamaran ou non ese día.

Desta última vez tampoco me chamaron, nin me chamarán nunca, e non se trata do Carballo Interplay se non dun todo con máis fondo.
E aquí teño una historia que contar sobre estas cousas, porque, como digo, non trata do Carballo Interplay:
No 2018, sendo a presidenta da ANPA do CEIP A Cistina, onde ían as miñas fillas, sumeime ao proxecto do colexio que aquel ano se chamou “As mulleres contan”. Comecei a buscar información sobre mulleres da zona e dei coa historia das Mártires de Sofán, vin que en febreiro do ano seguinte, 2019, sería o centenario daquelas mortes e nun consello escolar falei de que, aproveitando a data dos cen anos, desde o concello poderían facer aquel monumento que estivo proxectado pero nunca se chegou a facer.

Nos consellos escolares hai un membro do concello e vin o interese, de feito non tardou en dicirme que, efectivamente, o concello ía facer aquelo.
E fíxose, vin na prensa a presentación no Casino. É posible que alguén máis tivese a mesma idea ca min, é posible, mais eu penso que a idea foi miña, e non por ser máis lista, se non por esas casualidades da vida de dar coa historia naquel momento, con aquel proxecto e habendo tempo suficiente para que dera tempo a levala a cabo.
Gústame o movemento cultural de Carballo e sempre me gustou a idea de poder participar del dun xeito máis aló de ser espectadora, o que dicía, sinto esa necesidade amosar e amosarme, sei que iso non vai pasar, así que aproveito para facer humor con todas as brincadeiras que fago no Twitter sobre estas cousas. E ata me gusta xa este papel da “Desprezada de Carballo”, dáme xogo. Agora que non me chamen, eh!

Nun mundo ideal eu tería moito que aportar, pero non vivimos nun mundo ideal, precisamente o idealismo non dita ben con todas estas cousas onde contan moito os egos e os intereses persoais a todos os niveis.

 
  • QPC: E un dos máis firmes compromisos da túa carreira na rede é a defensa da lingua, verdade?

É no que ando máis metida, si. Gústame facer eso que chaman activismo da ligua, e facelo desde a miña posición que é a de quen non entendiu que ese activismo fose necesario ata hai poucos anos. Bergantiños segue a ser un pequeno paraíso do galego, cada vez menos, que o vexo nas fillas, pero penso que sen movernos de aquí é máis difícil ver esa necesidade.
É preciso falar da nosa lingua, e eu síntome moi capaz de facelo neses termos coloquiais, que á fin é o que falamos o máis do tempo.

 
  • QPC: Escoitámoste algunha vez aquelo de “o carallo é que cando abrimos a boca”, algo cambia na Coruña. Credes que aínda pasa que cando falamos con esas vogais abertas a xente reacciona mal nas cidades do país?

Eu penso que segue a pasar pero tamén vexo que agora hai moita xente nesas cidades, especialmente na Coruña que é onde podo moverme máis a miúdo que buscan volver á lingua dos seus pais, xente que fora da aldea vivir alí, esta xente reivindica as súas raíces lingüísticas, así que fan alí, onde viven, o camiño para todos.
E aínda vos digo que boa fachenda teño cando xente desa, neofalantes da cidade, me din que falo moi bonito.

Coma anécdota, na cola para a vacina da Covid, un tipo que estaba detrás, coma tres persoas máis aló, preguntoume: “Ti es Eva Patiño, verdade?”, “son!”, “coñecinte no falar”. As cousas da rede, que es unha ninguén pero algo menos ninguén.

 
  • QPC: Tes recibido “merda” tuiteira na rede por falares galego? E por ser muller?

De normal ignoro eses comentarios, e quedan aí. Poucas foron as veces nas que entrei nalgunha lea desas. Paréceme una enerxía mal gastada, penso que temos que falar para quen quere escoitar, para quen está disposto a cuestionarse a si mesmo.
Tampouco teño costume de chíar moito contra quen fala o castelán, e evito canto podo as polémicas sobre Fodechinchos.
Creo firmemente nos discursos en positivo, non creo nos discursos que coa excusa de defender o propio atacan o alleo, paréceme que fan mal aínda que o que defendan sexa moi xusto, se o facemos así estamos a facelo tan mal coma quen nos ataca a nós.

 
  • QPC: Como ves o estado de saúde da rede na Costa da Morte? Que les, que segues con interese? Que botas de menos?

Pois eu diría que podiamos facer moito máis, polo menos máis cousas con ese carácter local. Fáltanos, e non sabería decir ben o que, pero a Costa da Morte é grande está chea de xente, de cousas e na rede o que máis vemos que funciona son as contas e páxinas das institucións e dos medios grandes, que por grandes xa perden o carácter local.
Gustoume moito últimamente que a raíz duns videos da Mikaela dei con unas cuantas contas de Twitter de mozos da zona e todos chían en galego. Seguilas tamén me vai dándo outra visión da zona, a deles, desde outras idades e otros modos de vivir que a xuventude ten en por si.
No último ano quen máis me chamou a atención foi Drew Korme (@drewkorme) que coas fotos e videos do Mar de Ardora fixo chegar a zona, e esa marabilla, a moita xente, una forma moi peculiar, e inesperada, de falar da Costa da Morte.

 
  • QPC: Entendemos que ultimamente estás máis calada na túa canle por ese compromiso con A Lobeira Today. Que che aportan estas inmersións con Fran da Lobeira?

Estou máis calada porque hai algo que si me dá “medo” na rede, e é ter que defenderme de ataques, é moi cansado, e nunca sabes como vai reaccionar a xente ao que dis, e eu falo moito e correcta son o xusto o máis das veces.
Precisamente na Lobeira Today sempre vou ter o respaldo de estar acompañada.

A Lobeira Today é un mundo a parte para min, xa me autodenominei a Gayoso da Lobeira porque a sinto miña. Ao tempo o Fran sempre fala dela en plural, comigo e con todas as persoas que colaboramos, que xa somos unas cuantas, e as que virán, xa veredes.
Apórtame alegría, felicidade, persoas. Coñecín xente moi interesante nestas dúas tempadas, que seguro que non coñecería na vida de non ser pola Lobeira Today, aprendo moitas cousas, comparto as miñas e póñoas en valor.

Apórtame o Fran, que xa é un AMIGO, así con maiúsculos, máis aló do que vedes hai os Post-Patinho en Twitch onde, podo prometer e prometo, que non facemos guións para o seguinte programa. Pero dos que saen ideas boas, e conversas que me reconfortan. O tipo é marabilloso, ten un ego moderado, ese falar en plurar de cada proxecto xa o amosa, e ten ganas e enerxía, moita enerxía, positivismo. El entende que o modo é cooperar e faino, non queda no discurso, esa coherencia non é algo que se vexa moito.

Fai falta xente así no mundo, gardo con cariño e recupero cando ando de baixón aquelo que me dixo un día: “Eva, ti queda preto de min que nunca che ha faltar un ánimo e un maloserá”, e por aquí quedo, preto del.

 
  • QPC: Para cando volveremos a verte con Lupe?

Pois oxalá tempo para xuntarnos, temos tamén cousas nas nosas cabezas que quixeramos levar a cabo, ao final volvemos ao de sempre, comer hai que comer e desto non vivimos, os ritmos de vida non permiten tanto como quixeramos.
Sinto una grande admiración por Lupe, así que poder xuntarme con ela sempre é un pracer. Compartimos risas e alguna bágoa, porque coas persoas sempre hai máis ca se ve, e Lupe é outra desas persoas íntegras que saben estar na vida dos demáis.

Na súa faceta profesional admiro o esforzo, o traballo que fai é incríble e o cariño que lle pon, esa ansia de transmitir a tradición e aprendernos. É una grande de Bergantiños! Pouco se louba ela e pouco recoñecemento ten, polo menos dese visible, que sei de sobras que nos institutos nos que traballa recibe todo ese cariño e recoñecemento que merece, e que o usa coma motor. Espero que busquemos o momento, que ademais teño pendente hai anos o de regueifar eu, pois desde o 2006, no que algo tentei, e hai que dicilo, non se me daba mal de todo, que cantar canto mal pero retranca teño a bondo para compensar.

 
  • QPC: Seica tamén es artista creativa, pintora… Conta conta, que “che leva a idea”?

Son artista si, comecei a pintar aos 6 anos nunha actividade que organizara a ANPA (APA daquelas), un único curso, a cousa non funcionou pero o profesor, que vivía preto da casa, veume buscar, petou á porta e díxolle a niña nai que me deixara ir a clases á súa casa. No inverno ía un par de días á semana e no verán ía todos os días. Tiña clarísmo daquelas que de maior quería ser pintora, cousa que ninguén apoiaba, claro. Ao chegar ao instituto deixeino porque se me facía moito.
Ao longo dos anos retomaba a veces, sen moito éxito, e volta coa falta de tempo.

Retomei en serio no 2018, e débollo ao meu amigo Román, eu non andaba moi aló e faleille daquel soño que tiña de cativa e el dixo “pinta!” e eu baixei ao trasteiro collín as cousas e pintei porriba de todos aqueles cadros que deixara empezados durante anos. Estou moi orgullosa deses cadros, estiveron colgados no Logradouro cando abriu, incluido o retrato do Román, que a todo o mundo lle gusta e que para min é coma o centro dun todo nese volver pintar, o cadro e o Román.
Existe na niña mente un proxecto que combina a pintura e a escritura, está comezado, parado pero non está morto. Nunca dou por morto ningún proxecto, coma os cadros do trasteiro, se a idea sigue viva en nós nunca será aquelo que xamáis fixen, será eso que teño pendente, e eu son grande defensora das cousas pendentes e incluso das cousas a medias que esperan ser rematadas, pero nunca de desbotar a idea se realmente apetece.

Este ano tamén comecei clases de baile tradicional, outro pendente de toda vida que chegou por fin.

Últimamente retomei con grande ansia a lectura, e de aí tamén está na mente o meu proxecto de escribir un ensaio sobre o amor.

E comecei a estudar, preparo oposicións porque, como digo sempre, estou ofrecida a Santa Nómina Bendita.

Xa vedes que a idea lévanma una chea de cousas, porque eu sempre me apaixoó con todo o que fago e teño moita ansia de aprender cousas. Precisaría a lo menos una vida máis para facelo todo, pero mentras vou e veño algo fago e o que quede sen facer xa o fará quen veña atrás.

Comentarios