A valentía de desaprender
Escandalízanos ver as imaxes de Ucraína. As cidades reducidas a cascallos, as familias separadas, os nenos que aprenden antes o son dunha sirena ca o dunha canción. Dóenos porque sabemos que unha guerra é o maior fracaso da humanidade. E, por uns instantes, todos desexamos un mundo no que ninguén tivese que vivir algo así.
Pero, cando apagamos o televisor, regresamos ás nosas pequenas guerras. Ninguén nos ensinou a vivir sen medo. Medramos aprendendo a defendernos antes de confiar, a responder antes de escoitar, a levantar muros antes de abrir portas. Case sen decatarnos, imos enchendo as mans de certezas e o corazón de armaduras que un día nos salvaron, pero que co tempo acaban impedíndonos abrazar.
Hai guerras que non aparecen nos libros de historia. Librámolas cando unha palabra pesa máis ca un abrazo, cando un silencio se converte nun castigo, cando o orgullo fala máis alto ca o afecto. Tamén cando discutimos para gañar en lugar de comprender, cando nas redes esquecemos que detrás dunha pantalla hai unha persoa ou cando preferimos xulgar antes que preguntar.
Por suposto, non son o mesmo. Ningunha discusión pode compararse co horror dunha bomba nin coa dor de quen perde a súa casa, a súa familia ou o seu futuro. Pero todas as guerras, grandes ou pequenas, nacen dunha semente parecida: o instante no que deixamos de ver humanidade no outro e comezamos a velo como un inimigo.
Quizais o verdadeiro progreso non consista en aprender máis, senón en desaprender aquilo que nos afasta da nosa condición humana. Desaprender o desprezo para volver mirar aos ollos. Desaprender a présa para recuperar o tempo compartido. Desaprender a necesidade de ter sempre razón para descubrir que, ás veces, unha man tendida vale máis ca mil argumentos.
Vivimos nun mundo que nos empurra a competir, a demostrar, a destacar. Pero poucas veces se fala da inmensa coraxe que require pedir perdón, recoñecer un erro ou ofrecer unha segunda oportunidade. Eses pequenos xestos, invisibles para as estatísticas, son os que realmente sosteñen unha sociedade.
Resulta curioso que nos indignemos coa violencia que acontece a miles de quilómetros mentres normalizamos as trincheiras que cavamos cada día entre nós. Porque a paz non se constrúe só cando calan as armas. Constrúese tamén cando deixamos de disparar palabras que non teñen volta, cando derrubamos os muros que levantou o orgullo e cando decidimos que ningunha diferenza merece converter unha persoa nun adversario.
Tal vez a paz non comece nos grandes discursos nin nos tratados internacionais. Tal vez empece na cociña dunha casa, nunha conversa pendente, nun perdón que leva demasiado tempo agardando, nunha man que se estende antes de pechar un puño.
Porque as grandes guerras non nacen da noite para a mañá. Empezan moito antes, nas pequenas derrotas da empatía que acabamos aceptando como algo normal.
E quizais o maior acto de rebeldía do noso tempo sexa precisamente ese: ter a valentía de desaprender a guerra para volver aprender a convivir.
-
Fran J. Lestón. Lector antes ca escritor. Recolector de historias, de silencios e de memorias que outros deixaron espalladas polo camiño. Escribo para que o tempo non leve todo consigo e porque creo que cada acontecemento, por humilde que pareza, agocha un relato que merece ser contado. Entre libros, palabras e lembranzas, sigo aprendendo que escribir non é outra cousa que a forma máis fermosa de escoitar o corazón dos demais.
Máis artigos de Fran J. Lestón.
- Todo é mentira.
- As amizades que nunca marchan
- O regreso máis necesario
- O que nunca deberiamos perder