30 aniversario Batallón Literario Costa da Morte
Hoxe celébramos en Cee o 30 aniversario do Batallón literario da Costa da Morte, que, partindo da pequena iniciativa “Arre Sentella” de Vimianzo, que sorprendera cun macrofestival poético no Castelo, ampliaron o número de concellos e participantes para demostrar que a Costa da Morte era o epicentro do máis activo fervedoiro literario do país, e así naceu o Batallón Literario, para levar a poesía á rúa.
Dicía a primeira editorial dos Feros Corvos, a súa revista: “unha bandade de corvos vagorosos ou de poetas vagabundos, que che era a mesma cousa para o noso Pondal, está a percorrer a Cost da Morte, desde Malpica de Bergantiños até Fisterra.
Aquela asociación que fundaron Xabi Rodrígues, Miro e Rafa Villar, Federico Santalla, Xandra Tedín e Modesto Fraga logrou xuntar a moitos máis mozos e mozas, con ansia por trasladar a poesía á rúa, sacala dos auditorios e levala a prazas e espazos abertos, pero tamén a festivais, bares e locais sociais.
Foi unha iniciativa pioneira e única. Esta semana foi marabilloso poder escoitar poesía na rúa nesta vila da Xunqueira, mais os recitais do Batallón eran de batallón, ás veces, dez, ás veces 6, ás veces 40, calquera espazo se convertía en poético cando chegaba o Batallón, unha desorganización organizada para que a poesía chegara de cativos a maiores, en calquera espazo onde estes estiveran, levaban a poesía á xente, non ían a onde a xente ía por escoitar poesía, esa era a diferencia.
Foron pouco máis de dous anos que deixaron unha pegada indelébel que hoxe vemos reflexada nesta sala chea de xente que formou parte, ou tivo a sorte de estar nalgún daqueles máis de 50 recitais que durante os anos 96 e 97 encheron as vilas de poesía, recitando versos irreverentes por espazos nos que nunca máis se volveu a programar poesía. Esa era a intención do Batallón, demostrar que a poesía non era de elites literarias nin para auditorios elitistas. A poesía do Batallón
era rebelde, insumisa, erótica, incómoda e crítica.
Un batallón organizado nun tempo sen teléfonos móbiles nin redes, só con selos de correos que enviaban por feixes desde todas as partes da xeografía galega e estatal, para que lles reenviaran un exemplar do Feros Corvos, a un enderezo provisional na casa de Xabi, que nunca chegou a converterse en permanente, e así, con chamadas desde locutorios e o boca a boca chegaron a todo o país, a moitas partes do Estado e até a Cuba. Temos aquí a algunhas daquelas persoas fundadoras, faltan outras, e a algunha que participou en algúns daqueles recitais, porque non todas seguiron dedicándose á literatura profesionalmente, pero cada unha desas persoas que participou en algún dos recitais, foron o Batallón e a todas elas vai dedicada esta homenaxe.
Pasaron 30 anos, e nunca volveu haber nada igual, nunca volveu a poesía a subir ao palco da orquestra das festas da Xunqueira ou das Carrilanas, nunca máis rapazas de 9 anos recitaron a carón de escritoras encumadas que remataron sendo premios de poesía estatais.
Máis a semente que deixaron, a memoria dos seus fitos, seguen en nós, e este I certame de poesía demostra que segue habendo moita calidade literaria que merece premio, por iso o meu agradecemento para os membros do xurado: Miro Villar, Víctor Castiñeira, María Lado e Modesto Fraga. O seu traballo para escoller a proposta gañadora entre tantas de seguro non foi doado. A miña máis sincera noraboa tamén a Xosé Luis Mosquera Camba por alzarse co recoñecemento desta I edición que agardamos que sexa a primeira de moitas máis.
O Batallón literario foi un referente de activismo social organizado, de rebeldía comprometida, demostrando que a poesía podía ser un revulsivo para a mobilización de conciencias, para a reivindicación da Costa da Morte como un territorio referente en defensa da lingua e da identidade.
Seguimos precisando Batallóns porque a situación da lingua non mellorou, precisamos que se use en cada contexto, non só no poético e no institucional.
Remataba a primeira editorial do Feros Corvos: ...O espírito da poesía viaxa connosco e nós, os corvos-poetas, imos grallar sempre na memoria dos nosos devanceiros.”
Que así sexa! Por mil primaveras máis para a memoria do Batallón literario da Costa da Morte e para o seu novo premio de poesía!
- Sol Agra Tuñas. Deputada de lingua igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña