Vacacións
[Na mañá
 
Antes de ser alguén aínda
 
Antes de abrir a boca e a porta e a memoria]
Abandonémonos á hilaridade e ao consumo
Teñamos vacacións. 
Si, 
Separémonos unha vez máis do ritmo oculto da vida.
 
Dunha lóxica que debería ser a do milagre, non a da causalidade e a do ditado dun turismo existencial deprimente. Por dentro e por fóra.
 
Asintamos á proposta social de configurar o noso tempo ao gusto da produción,
o lecer,
a aventura (¿)
Deixémonos (unha vez máis) pensarnos por unha disposición que nunca é a nosa, 
por unha decisión que nunca é a nosa.
 
Desde unha cultura na que nunca nos recoñeceremos, 
pero precisamente para lograr recoñecernos, 
aceptemos o lecer, 
aceptemos os festivais paparotas familias ós de fóra ós daquí invitacións quedadas plans festas neniños terrazas concertos degustacións sacos de durmir excursións churrascada sardiñada menús menús menús
 
e as viaxes que nos farán entrar en contacto con
 
e as visitas 
Comer beber divertirse. Movemento tenaz.
 
Nada de silencio.
Regulemos o umbral a un barullo constante, a unha vacante incomprensible.
Pensemos que é posible alcanzar, nun tempo decidido de antemán, 
o modo en que poderemos ser atravesados por un sentido da existencia 
que sempre debería ser aquí e agora.
Por que no verán, por que en vacacións?
- Javier Turnes (javiturnes[arroba]quepasanacosta.com)