Réquiem polo MACCMO

Escribo estas liñas movido pola preocupación e, se son honesto, pola profunda indignación ante o inminente desmantelamento do Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte (MACCMO) en Corme. O que está a acontecer non é unha simple disputa administrativa, senón un atentado directo contra o noso patrimonio orquestrado dende o propio Concello de Ponteceso. O museo está a piques de desaparecer non por falta de visitantes nin de proxecto, senón porque un alcalde decidiu que pode máis o seu ego que a cultura do seu municipio, e porque a Xunta de Galicia mira para outro lado mentres un ben inestimable agoniza.

Os feitos son coñecidos e rozan o kafkiano. O alcalde, José Manuel Mato, impuxo un ultimato á Fundación Torre-Pujales para aceptar un novo convenio ou abandonar o edificio nun mes. Faino obviando que xa existe un acordo vixente, asinado en 2020 e válido ata 2030, polo que non hai urxencia legal ningunha. O borrador imposto é, na práctica, un desafiuzamento encuberto. Limita o museo a unha soa planta das catro do inmoble; prohibe gardar obras de arte (é dicir, prohibe que funcione como museo); e esixe un seguro de responsabilidade civil dun millón de euros, algo que o Concello non aplica ás tres plantas restantes. E, nun alarde de autoritarismo, obriga a que calquera acceso fóra do horario sexa autorizado persoalmente polo alcalde. Como se o MACCMO fose propiedade súa e non da cidadanía.

A escusa de "necesitar espazos para a veciñanza" é un falso dilema, unha cortina de fume para xustificar o inxustificable. A propia Fundación apuntou o que moitos pensan: este convenio parece deseñado non para regular, senón para castigar a unhas patronas por supostas faltas de respecto. Se isto é certo, estariamos ante algo gravísimo: un cargo público utilizando o patrimonio cultural colectivo como arma dunha vendetta privada. Iso non é xestión municipal; é un abuso de poder.

Cómpre lembrar a magnitude da traxedia. En toda Galicia só existen catro museos de arte contemporánea; o MACCMO é un deles. Alberga máis de 570 obras con firmas da talla de Antonio Saura, Eduardo Arroyo, Laxeiro ou Colmeiro. Fixo de Corme un fervedoiro internacional con creadores de medio mundo que exercen de embaixadores da Costa da Morte. Todo isto, financiado pola Fundación sen custarlle un só euro de programación ao Concello. Ponteceso recibiu os froitos dun investimento alleo e agora, en lugar de agradecer, estrangula.

Neste naufraxio, hai outra institución que debe responder: a Consellería de Cultura. Foi a Xunta quen apoiou a súa creación en 2012 e actuou como madriña do proxecto. Hoxe, o seu mutismo non é neutralidade, é complicidade coa destrución dun patrimonio que pertence a todos os galegos. Que goberne o mesmo partido non debería ser un obstáculo para protexer a cultura, senón unha obriga maior.

Se a Fundación abandona o edificio, leva con ela a colección, as becas, as exposicións e a marca. O Concello quedaría cun inmoble baleiro na rúa Real. A Costa da Morte quedaría sen museo. E Galicia perdería un dos seus catro faros de arte contemporánea por mor da incapacidade —ou da mala vontade— dunha administración local e da pasividade dunha administración autonómica que debería ser a súa garante.

Por iso, as miñas últimas palabras non van dirixidas ás institucións, senón á cidadanía:

Ás veciñas e veciños da Costa da Morte: o MACCMO é parte do que somos, da imaxe que proxectamos ao mundo e do orgullo da nosa terra. Non podemos permitir que desapareza en silencio.

E especialmente, ás veciñas e veciños de Corme: o MACCMO naceu no voso porto. Se pecha, pecha algo que non se pode reconstruír nin con diñeiro nin con boas vontades posteriores. Alzade a voz. Cando a cultura desaparece por neglixencia ou por capricho, a responsabilidade é tamén de quen puido evitalo e calou.

A xestión do señor alcalde pasará á historia local, pero por destruír en lugar de construír. A cultura non é un luxo. É a columna vertebral de quen somos. E cando se perde, non volta.

  •  Juan Manuel Trillo Caamaño. Nado en Raso e orgulloso rapaz de aldea, son un absoluto namorado e férreo defensor da Costa da Morte; técnico en emerxencias, instrutor de SVB e voluntario de Protección Civil en Cee, combinando a miña vocación de coidar da nosa xente co orgullo de 'vender' o marabillosa que é a miña terra.

Máis artigos de Juanma Trillo