martes. 10.03.2026
El tiempo

A ambulancia medicalizada na Costa da Morte: un debate incompleto e a responsabilidade de todos

Ambulancia Medicalizada SVA Galicia 1
A ambulancia medicalizada na Costa da Morte: un debate incompleto e a responsabilidade de todos

Como Técnico en Emerxencias Sanitarias (TES) no 061 e instrutor de Soporte Vital Básico e DESA, que desenvolve o seu labor diario na Costa da Morte, asisto con certa preocupación ao debate público sobre a necesidade dunha ambulancia medicalizada (SVA) para a nosa comarca. É innegable que a nosa xeografía, a distancia aos hospitais de referencia e a dispersión poboacional fan que unha SVA sexa unha ferramenta moi necesaria para reducir os tempos de atención en patoloxías tempo-dependentes (infartos, ictus, traumatismos graves). Con todo, centrar todo o foco unicamente na falta deste recurso é ter unha visión miope do verdadeiro problema da atención sanitaria urxente.

A realidade que vivimos os profesionais a pé de rúa é moito máis complexa. Parte fundamental do colapso e da falta de recursos dispoñibles cando realmente fan falta, derívase do abuso e do mal uso do servizo de ambulancias. Os recursos son finitos e custosos, pero moitas veces utilízanse como unha comodidade e non como unha necesidade vital.

Por unha banda, existe unha evidente falta de educación sanitaria na poboación. Hoxe en día, solicítase unha ambulancia do 061 para patoloxías menores, catarros, dores crónicas sen agudización ou simplemente porque non se dispón dun vehículo particular para acudir ao Centro de Saúde ou ao PAC. A poboación debe entender que cando unha ambulancia está ocupada nun servizo non urxente, deixa de estar dispoñible para un veciño que poida estar sufrindo unha parada cardiorrespiratoria na aldea do lado.

Doutra banda, os propios profesionais e o sistema tamén temos responsabilidade. Observamos a miúdo como desde as consultas de Atención Primaria ou desde os PACs recórrese á ambulancia do 061 para realizar traslados que poderían facerse noutros medios, utilizando os recursos de emerxencia como se fosen “taxis sanitarios” para evitar esperas. A isto súmase unha política, ás veces demasiado defensiva, desde a propia Central de Coordinación do 061, onde ante calquera dúbida na chamada aplícase a máxima de "enviar unha ambulancia por se acaso", saturando a frota de SVB da comarca con servizos baldíos.

Como instrutor de SVB e DESA, sei que as posibilidades de supervivencia ante unha emerxencia vital non aumentan só poñendo máis vehículos na estrada, senón educando á poboación en primeiros auxilios, reanimación cardiopulmonar e uso de desfibriladores, e facendo un uso responsable e racional do 112 e 061.

A solución para a Costa da Morte non pasa unicamente por engadir unha ambulancia de SVA —que por suposto é moi necesaria e sería de grande axuda—, senón por unha xestión responsable. De nada servirá ter o mellor recurso medicalizado se cando se necesita de verdade, está ocupado trasladando unha dor de moas ou facendo un traslado interhospitalario non urxente porque o sistema fallou na base.

Aumentar os recursos sen educar no seu uso só xera unha espiral de demanda infinita que ningún sistema público pode soportar. A emerxencia comeza na responsabilidade cidadá e institucional.

  •  Juan Manuel Trillo Caamaño. Nado en Raso e orgulloso rapaz de aldea, son un absoluto namorado e férreo defensor da Costa da Morte; técnico en emerxencias, instrutor de SVB e voluntario de Protección Civil en Cee, combinando a miña vocación de coidar da nosa xente co orgullo de 'vender' o marabillosa que é a miña terra.

Máis novas

Comentarios