Arde unha tenda agrícola de Baíñas

Esta pasada noite de domingo ardeu un local comercial dunha tenda de produtos agrícolas en Baiñas, no cruzamento coa estrada de Olveira.

O local ardeu practicamente na súa totalidade, aínda que non houbo que lamentar danos persoais.

Os servizos de emerxencias traballaron durante varias horas para apagar un lume que afectou a unha tenda de produtos agrícolas situada na parroquia de Baíñas, en Vimianzo. O local, de dúas plantas, comezou a arder pasadas as 20 horas, cando un particular chamou ao 112 Galicia para alertar do ocorrido.

Nese momento, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias trasladaron a información aos Bombeiros de Cee e Santa Comba, Garda Civil e voluntarios de Protección Civil de Vimianzo.

No interior das instalacións almacenábanse produtos agrícolas —algúns deles inflamables— e maquinaria, e a vivenda contigua estaba habitada, mais todas as persoas atopábanse fóra no momento do aviso.

Pouco despois das 22:30 horas, os bombeiros confirmaron que o incendio estaba xa controlado e continuaron no lugar realizando tarefas de arrefriamento e ventilación.